As obras da cuberta e a fachada do Castelo de Soutomaior durarán tres meses

Os traballos no monumento contan cun orzamento de 86.000 euros
Obras no Castelo de Soutomaior. DP
photo_camera Obras no Castelo de Soutomaior. DP

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar as obras de conservación na cuberta do Castelo de Soutomaior, así como na fachada deste monumento medieval. Estes traballos teñen como obxectivo evitar as filtracións de auga que se estaban a producir nos encontros da fachada cos petos e as ameas . Trátase dun proxecto que ten un orzamento de 86.000 euros e o prazo de execución estímase en tres meses. As obras ten sido especificamente deseñadas para no interferir nas visitas guiadas ao Castelos que entre os meses de xuño e agosto sumaron máis de 9.000 persoas.

A reforma desenvolverase na cuberta inclinada e nas cubertas planas transitables do castelo, así como no muro da fachada suroeste e nas ameas e petos perimetrais, destinadas a solucionar os problemas existentes pola presencia de humidades e entrada de auga, evitando así a futura aparición doutras patoloxías. No caso da cuberta inclinada, as actuacións inclúen a execución de novos caleiros de zinc, a reparación das gárgolas, a recolocación de tellas e o cambio das fiestras, así como a substitución do lucernario de policarbonato por un de vidro, incluíndo nova carpintería de suxeición e soporte. Nas cubertas transitables, acometerase a limpeza e o toma de xuntas nas lousas do chan e a execución dunha nova quenlla, entre outros traballos. No muro, realizaranse traballos de limpeza e tratamento puntual de xuntas, e darase solución ás filtracións ao interior das salas que dan á fachada suroeste.

En todo o proxecto, a Deputación actúa baixo a premisa da mínima intervención, o uso das técnicas e materiais compatibles e non agresivas que pretenden a mellora das prestacións do edificio. Deste xeito, os traballos executaranse respectando as características e aspectos construtivos da reforma do castelo realizada no ano 1986, nunha intervención caracterizada polo uso de técnicas e materiais tradicionais, con respecto en todo momento ás características esenciais deste BIC.

Comentarios