90º aniversario do Museo de Pontevedra

Nove obras para festexar 90 anos

Diario de Pontevedra homenaxea á institución cultural máis importante da cidade, o Museo de Pontevedra, no seu 90º aniversario, convidando a nove profesionais da institución a escoller unha obra
José Manuel Rey, director do Museo, xunto á peza que escolleu destacar, o Tesouro de Caldas. GONZALO GARCÍA
photo_camera José Manuel Rey, director do Museo, xunto á peza que escolleu destacar, o Tesouro de Caldas. GONZALO GARCÍA

"Lévoo inxectado no sangue". Para os profesionais do Museo de Pontevedra, esta institución non é só un lugar de traballo. "Como explicar que significa para nós? Sentímolo case propio, porque efectivamente é de todos". Repítense as sensacións: é unha honra, un orgullo e un privilexio traballar neste organismo, a institución cultural máis importante da cidade, un ente que este ano cumpriu nove décadas de vida. O Museo abriu as súas portas ao público o 10 de agosto de 1929.

Diario de Pontevedra quere festexar o 90º aniversario do Museo poñendo o foco, en plena transformación da institución (cambio de director, anuncio do nomeamento dun consello asesor, anuncio da construción dun novo edificio para os fondos arqueolóxicos, anuncio dunha gran reforma dos edificios centrais na Praza da Leña —pechados dende 2014—, etc.), no seu máis grande valor, o que o levou a converterse nunha referencia: a calidade dos seus profesionais e a importancia dos seus fondos.

Nove traballadores do Museo, un por cada década de vida cumprida, escolleron unha peza relevante das súas coleccións. O director do Museo, José Manuel Rey, elixiu o Tesouro de Caldas; o arqueólogo Antonio de la Peña, o Miliario de Adriano; a conservadora Ángeles Tilve, o lenzo ‘Víctima del trabajo’, de Jenaro Carrero, artista da Xeración Doente; a arquiveira María Jesús Fortes Alén, o pergameo dunha tradución ao galego de Afonso X O Sabio; o conservador José Manuel Castaño, o álbum ‘Nós’, de Castelao; a conservadora dos fondos gráficos Cristina Echave, o arquivo fotográfico de Pintos; a conservadora de artes decorativas Natalia Fraguas, un abano das irmás Mendoza; a coordinadora de publicacións, Ángela Comesaña, o cruceiro da Praza da Leña (a imaxe que elixiu Alejandro de la Sota para debuxar o logotipo da institución), e a responsable do Gabinete Didáctico Paula Tilve (que participou na reportaxe vía telefónica ao non poder desprazarse ata o Museo), o retablo maior do mosteiro de Sobrado dos Monxes. O resultado das súas eleccións debuxa un pequeno panorama do que garda a institución.

EL PRADO

Entre as pezas escollidas polos traballadores está un depósito do Museo del Prado: un cadro de Jenaro Carrero. A relación entre os dous museos, de enorme importancia, estendeuse dende que Sánchez Cantón entrou na dirección da institución museística madrileña ata a actualidade, cando o museo máis importante de España segue depositando obras no de Pontevedra de xeito máis ou menos regular. A coincidencia entre os dous aniversarios, o 90º do de Pontevedra e o 200º do de Madrid (que se inaugurou en 1819), sela a súa conexión.

O TESOURO DE CALDAS DE REIS

Comezou a súa traxectoria profesional, a finais dos anos 80, como bolseiro do Museo de Pontevedra. Este ano, José Manuel Rey volveu á institución para dirixila, tras gañar o concurso público convocado pola Deputación despois da xubilación do anterior director, Carlos Valle, que estivo no cargo máis de 30 anos. "Gústame pensar que dalgunha maneira se pechou un círculo na miña vida", sinala  Rey. "A miña intención é rematar aquí a miña traxectoria profesional. Gustaríame moito que fose así", recoñece.

O director destaca a importancia do Museo de Pontevedra non só na cidade senón tamén en Galicia. "Este é realmente o gran contedor cultural deste país. É o repositorio da nosa memoria social e colectiva", di. "Dalgunha maneira, o Museo de Pontevedra constitúe, grazas ao traballo de moitas persoas ao longo de 90 anos, ou incluso máis se nos remitimos á Sociedad Arqueológica da que procede, unha síntese tremendamente lúcida entre pasado, presente e futuro".

Á hora de escoller unha peza significativa para conmemorar o 90º aniversario do Museo, José Manuel Rey escolle o Tesouro de Caldas. "Así é, o mal chamado Tesouro de Caldas, que debería ser en realidade coñecido como o Depósito de Caldas", conta. "Estamos ante a maior acumulación áurea de toda a Península Ibérica. Son arredor de 27 kilos, dos que se conservan uns 15. É dicir, é máis de cinco veces o volume total de toda a orfebrería  desta época atopada no Noroeste peninsular e máis do dobre da outra gran acumulación áurea da Península, que é o Tesouro de Villena (Alacant), que apenas chega a 10 kilos". O director indica que estamos ante máis de 40 pezas diferentes, ao nivel dos grandes tesouros deste tipo no continente europeo.

O MILIARIO DE ADRIANO, QUE NALGÚN MOMENTO FOI MILIARIO 'EXPÓSITO'

"Esta sempre foi unha institución de referencia, pero unha serie de decisións políticas deixárona moi tocada. Dalgunha maneira perdeuse unha ilusión e unha camaradería que se mantiñan dende había moitos anos, cando había moito corazón e moi poucos recursos. Desexo que este museo non acabe sendo nunca un museo vulgar". Antonio de la Peña, que traballa na institución dende 1970, escolle, como a súa peza favorita, o Miliario de Adriano, unha obra que cambiou a historia de Pontevedra e viviu mil peripecias. "Eu dirixín a escavación de 1988 no Burgo onde se atopou este miliario por sorpresa", lembra.

Antonio de la Peña xunto ao Miliario de Adriano.

Antonio de la Peña xunto ao Miliario de Adriano. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Está a súa importancia [as súas inscricións, as primeiras da historia da cidade, modificaron a que se cría que era a súa orixe, na mansión Duos Pontes, por outra, na mansión Turoqua] e está a súa propia historia: a truculenta historia do Miliario ‘Expósito’". O arqueólogo refírese así con ironía a como a peza estivo no Edificio Sarmiento (antiga inclusa). "E a traca final, cando se colocou de adorno nun restaurante". A denuncia dos profesionais e a presión social obrigou a devolver o Miliario de Adriano ao espazo museístico.

'VÍCTIMA DEL TRABAJO', UNHA OBRA RECUPERADA DE JENARO CARRERO

"Como explicar o que significa o Museo para nós? Significa moito. Hai todo un equipo de xente, do que formo parte, que medrou ao mesmo tempo que foi medrando o Museo. Formámonos aquí. Por iso o sentimos case noso, porque efectivamente é de todos", conta a conservadora Ángeles Tilve, que traballa no ente dende 1987. "Para min, traballar aquí foi cumprir un soño. Eu quixen traballar no museo dende que me trouxeron de visita de pequena".

Ángeles Tilve diante do cadro 'Víctima del trabajo'. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Tilve elixiu o cadro ‘Víctima del trabajo’, de Jenaro Carrero. "Esta é unha obra á que me sinto especialmente vinculada porque foi mercada xusto no ano que eu entrei a traballar. Así que a súa catalogación foi unha das primeiras cousas que me tocou facer". Este cadro, co que Carrero conseguira a segunda medalla da Exposición Nacional de 1899, levaba desaparecido preto dun século, ata que o Museo do Prado o localizou, grazas aos datos facilitados polo Museo de Pontevedra, entre outras cousas, nun almacén dun museo provincial en 2002. Estaba bastante deteriorado. "Dende entón é un dos depósitos do Prado en Pontevedra". Pode contemplarse nas salas do primeiro andar do Sexto Edificio.

UN PERGAMEO DE AFONSO X QUE BUSCABAN EN BERKELEY

"Traballar no Museo de Pontevedra é un privilexio, un orgullo, unha honra enorme", di María Jesús Fortes Alén, que o fai dende 1987. A peza que escolleu a arquiveira ten unha historia fascinante que revela como os investigadores dos museos traballan moitas veces como Sherlock Holmes. "É unha 
folla da tradución das partidas de Afonso X O Sabio ao galego, á que me sinto moi vinculada". Fortes Alén recibiu un día unha chamada duns investigadores da Universidade de Berkeley (California, Estados Unidos) buscando este documento.

María Jesús Fortes co pergameo de Afonso X. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Sospeitaban que podía estar no Museo. "Eu xuraba e perxuraba que aquí non estaba ese pergameo". Pasaron máis de dez anos e os investigadores volveron insistir. Pero a arquiveira estaba segura de que aquí non estaba. "Tempo despois, revisando restos duns pergameos moi deteriorados, feitos polvo, tratando de identificalos, vin con asombro que  un era o documento que buscaban en Berkeley", lembra. "O subidón que sentín nese momento foi incrible. E a historia é significativa á hora de entender a importancia da conservación. Nunca sabes cando algo insignificante pode cobrar toda a importancia do mundo".

ORIXINAIS DE 'NÓS' DESAPARECIDOS ATA 2016

"Adiqueille a metade da miña vida ao Museo de Pontevedra, un tercio do que é a súa historia", explica José Manuel Castaño, que entrou na institución en 1986. O conservador elixe destacar os debuxos orixinais do álbum ‘Nós’, de Castelao. "Porque se está a piques de cumprir cen anos da primeira vez que se expuxeron, o 2 de marzo de 1920 na Coruña. Mostráronse por última vez en Santiago en 1924. E porque, tras darse por desaparecidos, foron atopados e incorporados ao Museo de Pontevedra en 2016 no que constitúe un fito para a institución".

nos

José Manuel Castaño diante dos debuxos de 'Nós'. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Castaño, xunto a Ángeles Tilve, foi precisamente o descubridor destes orixinais durante os traballos de preparación da exposición ‘Meu Pontevedra’. "Elíxoos porque me agrada que as persoas que visiten o Museo poidan gozar destes debuxos, unha obra de grande calidade e transcendencia na carreira artística de Castelao".

O ARQUIVO FOTOGRÁFICO DE JOAQUÍN PINTOS

"Esta es mi segunda casa. He pasado más tiempo de mi vida aquí metida que con mi familia", recoñece Cristina Echave, no Museo dende 1990. "¿Sabes qué es algo fundamental? El papel del Museo como centro de investigación. Es realmente importante". Á conservadora cústalle elixir unha obra dos fondos.

Cristina Echave mostrando o arquivo fotográfico de Pintos. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Elegir una obra es difícil, pero es que me resulta imposible incluso elegir una foto. Así que voy a escoger el archivo fotográfico completo de Pintos. Le tengo un cariño especial porque llegamos los dos casi al mismo tiempo al Museo: este material en 1989 y yo en 1990", conta Echave. "Está compuesto por cientos de fotografías y miles de negativos en vidrio y otros soportes plásticos. Para mí fue muy emocionante enfrentarme a su catalogación. Era consciente de estar trabajando con una obra fundamental de uno de los fotógrafos más importantes de Galicia y de España".

UN ABANO CANTONÉS DAS IRMÁS MENDOZA BABIANO

"Mi relación con el Museo, desde que entré como alumna colaboradora, supera los 20 años", explica Natalia Fraguas, que está vinculada á institución dende finais dos 90. "Para mí ha sido un privilegio y una oportunidad haber podido desarrollar mi pasión personal y profesional en el que es y seguirá siendo un museo de referencia". A conservadora elixe para aparecer na reportaxe un dos abanos das irmás Mendoza.

Natalia Fraguas co abano das irmás Mendoza. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Es una pieza de la colección de indumentaria y complementos del Museo, que sirve para recordar al público la gran variedad de fondos que se custodian en la institución y que, por diferentes circunstancias, no se exponen de manera permanente", explica. "Es un abanico cantonés, de mediados del siglo XIX, un pequeño tesoro que originalmente perteneció a las hermanas Mendoza Babiano, sobrinas del almirante Méndez Núñez y grandes benefactoras del Museo".

A IMAXE DO LOGOTIPO: O CRUCEIRO DA PRAZA DA LEÑA

"O 90º aniversario da institución foi hai dous anos, pero é certo que o da apertura é este", especifica Ángela Comesaña, no Museo dende 1993. A institución foi creada pola Deputación en 1927, pero non abriu ata 1929. "Eu aquí empecei como bolseira. Só podo destacar o que aprendín. É un orgullo e un privilexio formar parte desta institución. Para min, que son viguesa, o Museo serviu para aprender a querer a Pontevedra". A historiadora selecciona, entre os fondos, o cruceiro da Leña.

Ángela Comesaña diante do cruceiro da Leña. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"A min o que me apaixona é a colección etnográfica do Museo, que está un pouco esquecida. Como o meu é difundir e publicar, elixín unha peza que non moita xente sabe que é do Museo: o cruceiro da Praza da Leña, que ademais é a imaxe do logotipo da propia institución", indica. "Pero tamén podería ter escollido a colección de olaría popular, que non se expón e que é un auténtico tesouro".

O 'CÓMIC' DO RETABLO DE SOBRADO DOS MONXES

"Fun unha das últimas alumnas colaboradoras. Levo o Museo inxectado no sangue", di Paula Tilve, que traballa na institución dende 1996. "Para min, este non é só o Museo de Pontevedra. A súa dimensión é moito máis grande". Tilve escolle o retablo maior do mosteiro de Sobrado dos Monxes, do século XVIII. "Decidinme por esta peza, composta por cinco táboas e que formaba parte dunha obra descomunal (35 táboas), porque é dunha beleza extraordinaria", conta.

Detalle do nacemento de Xesús no retablo de Sobrado dos Monxes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Está adicada á María e remata co que é probablemente o nacemento de Xesús máis fermoso do Museo. E sérveme para reivindicar o valor da arte sacra, quizais hoxe un tanto desprezada, pero sobre a que se podería facer un achegamento actualizado moi interesante". Por outra parte, Tilve ten predilección por esta peza pola cantidade anécdotas que atesoura. "Como cando a rapazada che di que é como un cómic".

Comentarios