As obras do novo emisario submarino da ría iniciaranse en maio

A Xunta destinará 12 dos 38 millóns previstos para o saneamento da ría de Pontevedra á nova infraestrutura


12,30 h.-     A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentará a actuación de mellora do saneamento que a Xunta está a impulsar na estación de bombeo de Cocheras. O punto de encontro será na explanada de acceso á EDAR dos Praceres. Haberá declaracións aos medios.
photo_camera Dá Silva e Vázquez, hai uns días, ante o plano do proxecto para a mellora do bombeo das augas residuais cara á depuradora de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

A construción do novo emisario para iniciar o saneamento das augas da ría de Pontevedra xa ten data. As obras darán comezo o próximo mes de maio tras aprobar un orzamento inicial de 12 millóns de euros para a súa realización. 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, adiantou este mércores que hai luz verde para comezar coas obras que se encargarán da creación dunha infraestrutura que abarcará un total de 3,6 quilómetros e permitirá a mellor devolución das augas limpas á ría. 

Así mesmo, a conselleira manifestou ao responder a unha pregunta do deputado do PPdeG Vázquez Mourelle que o investimento da Xunta para o proxecto completo de saneamento e depuración no concello de Pontevedra será dun total de 38 millóns de euros. Desta forma, reivindicou o apoio técnico e económico que o Goberno galego vén prestando aos concellos da ría, coa mobilización de 47 millóns de euros, dos que 32 millóns correspóndense con traballos xa en execución e outros 15 en dez actuacións que xa están planificadas. 

A conselleira fixo fincapé en que, dos 32 millóns de euros que se investirán no marco do plan de saneamento local da ría de Pontevedra, case 30 teñen como beneficiario directo á Boa Vila. Destacou ademais que seis das dez actuacións pendentes de execución neste plan, que representan 7,8 millóns de euros, están encamiñadas a mellorar as redes de saneamento deste municipio. 

Ethel Vázquez referiuse tamén a que os traballos de mellora da depuradora dos Praceres, nos que a Xunta investirá 16,5 millóns de euros, están executados ao 40%. Esta actuación permitirá mellorar a depuración das augas residuais dos concellos de Marín, Poio, Pontevedra e Vilaboa, posto que terá capacidade para procesar 900 litros por segundo. 

Para rematar, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade destacou a obra de reforzo de capacidade de transporte das augas residuais desde o bombeo de Cocheiras á depuradora dos Praceres, coa redacción do proxecto solicitada onte e cun orzamento previsto nas obras de 3,7 millóns de euros.

Comentarios