As obras de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro comezarán nos primeiros días de marzo. Así se recolle no cronograma fixado polo Concello e a compañía Unión Fenosa, segundo informou a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías.
Os técnicos da Asesoría Xurídica e da área de Urbanismo do Concello de Pontevedra e os da compañía eléctrica mantiveron este luns unha reunión de coordinación sobre as obras. "O Concello cumpriu a súa parte" subliñou a concelleira, quen explicou que a obra civil necesaria para acometer a actuación prevista xa está rematada.
O Concello asinará proximamente un convenio con Unión Fenosa para a cesión de obra civil realizada, 680 metros lineais de canalización pola que descorrerá a liña soterrada que inclúe tamén dúas cámaras de empalme, 4 arquetas, máis arquetas de comunicación coas súas torretas.
PARKING O VAO. A liña de alta tensión de Monte Porreiro foi un dos temas tratados na Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente na que tamén se deu conta do informe elaborado polo Concello para a futurible autorización do aparcamento do polígono do Vao.
O proxecto do Vao está en fase de autorización comercial e o seu promotor presentou a Costas unha proposta de aparcamento que afecta, en parte, a terreos de dominio público de Costas. Segundo explicou Gulías, a Xunta dirixiuse ao Concello pedindo un informe sobre a idoneidade da ubicación.
A concelleira explicou que, unha vez avaliada a situación polos técnicos municipais, "non vemos problema, e dicir, que daríamos un informe favorable pero é Costas quen ten a competencia para autorizar ou non".
A edil indicou que, a maiores este aparcamento podería ser un certo estacionamento de proximidade, xa que está conectado coa plataforma da AP-9, coa área da Xunqueira de Alba.