Óliver Abal, o superlector da biblioteca Antonio Odriozola

"Normalmente colliamos uns cinco títulos á semana", asegura a súa nai
Óliver Abal, coa directora da bilioteca Antonio Odriozola, Alejandra Mosquera. DP
photo_camera Óliver Abal, coa directora da biblioteca Antonio Odriozola, Alejandra Mosquera. DP

Se a Óliver Abal lle preguntan polo seu libro favorito dubida. Leu tanto no último ano que é difícil escoller. "Os de misterio e aventura", resolve o pequeno, de sete anos, que remata por declarar a súa debilidade pola colección Jacobo lobo. Óliver foi o socio infantil da biblioteca Antonio Odriozola con máis préstamos realizados en 2020, un ano no que tivo máis tempo do habitual para ler, e por iso foi declarado superlector, unha condición que lle outorga unha serie de privilexios neste 2021. Pode coller ata dez libros de forma simultánea (o resto dos socios só cinco) ou 15 películas e videoxogos. O neno, que estuda no CEIP Campolongo, aprendeu a ler hai dous anos e é xa un fiel devorador de libros.

"O que máis adoita coller son libros, aínda que tamén hai películas e videoxogos", explica a súa nai, Ana Muñiz, que se encarga de acompañar ao cativo á biblioteca todas as semanas. "Antes viviamos en Combarro e alí era máis difícil porque a biblioteca quedábanos máis lonxe, pero agora xa é unha rutina", explica Muñiz.

O recoñecemento da biblioteca aos seus superlectores chegou en forma de diploma e cun agasallo que consistía nun lote de libros. "Sorprendeunos que nos chamaran porque non pensei que fose tan extraordinario que colleramos libros, normalmente collíamos uns cinco títulos á semana", conta a nai de Óliver. Deste xeito, non sabe dicir a cifra exacta de volumes que leu o cativo ao longo do último ano, se ben a cifra estaría preto dos 300 volumes.

Normalmente, a Biblioteca celebra un acto de recoñecemento aos seus lectores máis fieis, tanto adultos como infantís. Porén este ano a covid-19 impediu que dito encontro se puidese celebrar e a entrega do recoñecemento reduciuse a unha visita ao centro no que se lle entregou o seu título.

Habitualmente, Óliver séntase a ler despois da merenda e ata a noite, o horario que estableceron os seus pais como límite para xogar con pantallas, como as consolas ou os debuxos animados. "Cando se mete na cama faino cun libro, ás veces só e ás veces acompañado por min. Agora estamos lendo un sobre un neno de Siria refuxiado e precisa algo de axuda para entendelo", conta Muñiz.

Pero Óliver non só le para el, senón que tamén se preocupa por inculcarlle o seu amor pola lectura ao seu irmán pequeno. Como sendo socio de honra pode coller máis títulos, aproveita para realizar préstamos que poidan gustarlle ao seu irmán e lerllos polas noites el mesmo. "Ademais pon voces e interpreta os papeis nos diálogos", conta a súa nai.

O peche das bibliotecas derivado da pandemia deixou a Óliver sen a posibilidade de ir renovar o seu catálogo de contos, pero xa recolleu un bo cargamento para os días que veñen. Ademais, gústalle reler os libros que máis lle engancharon.

Agora comeza a ler tamén en inglés, pero, segundo a súa nai, está desexando facerse maior para poder alcanzar o andel dos cómics "de maiores", que son os que máis lle chaman a atención.

Comentarios