jueves. 27.02.2020 |
El tiempo
jueves. 27.02.2020
El tiempo

"Onde son eu máis de verdade é nas miñas novelas"

Víctor Fernández Freixanes xunto a María Varela, este martes, na Casa das Campás. RAFA FARIÑA
Víctor Fernández Freixanes xunto a María Varela, este martes, na Casa das Campás. RAFA FARIÑA
Freixanes participa nunha nova entrega de Conversas na UVigo

Como o diván dun psiquiatra. Así é unha novela para quen a escribe. O símil empregouno Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951) nunha entrevista e recordoullo este martes a entrevistadora María Varela durante a conversa que mantivo con el dentro do ciclo Conversas na UVigo, organizado por Diario e Pontevedra e a UVigo. "Onde son máis eu de verdade é nas miñas novelas", explicaba o autor, que estivo á fronte da editorial Galaxia e agora preside a Real Academia Galega (RAG).

No encontro, o entrevistado fixo un percorrido polo seu universo persoal, incluíndo os afectos, as inquedanzas ou as paixóns. Freixanes comezou pola nenez, rememorando as películas de vaqueros dos cines Victoria e como todos o coñecían como o fillo de Vituco. "Viviamos á beira do Lérez, viñamos do instituto e escoitabamos cantar nos bares de camiño, porque aínda se cantaba", recordaba.

Público asistente á cita. RAFA FARIÑA

Falou tamén do momento no que decidiu estudar Filosofía e Letras, unha carreira que ao seu pai lle parecía para curas e mulleres. "Eu sempre lles digo aos meus alumnos que hai que vivir con paixón en lugar de estarse preocupando polas saídas laborais", apuntou. A literatura entrou na súa vida na adolescencia, pero estaba na memoria da nenez, cando seu pai lle recitaba poemas os domingos pola tarde. "Esas cousas quedan gravadas". Ao igual que quedou no recordo o mestre Filgueira Valverde e o libreiro de San Domingos, que un día lle entregou unha edición de Austral de Sonata de Otoño de Valle Inclán. "Aquel libreiro cambioume a vida", explicou Freixanes.

Referiuse ademais a Vilanova de Alba, a Pontevedra das súas novelas. "Escollín Vilanova porque é un nome que xorde nas vilas do século XII e Alba porque é ese río misterioso que fai esas xunqueiras nas Correntes", explicou Freixanes, que se referiu tamén ao imaxinario galego e á "capacidade que ten o pobo para soñarse e recrearse a si mesmo". Neste sentido, mencionou lendas e crenzas, así como as teorías que defenden que Colón era galego.

Freixanes, un neno urbanita e castelán falante, descubriu a memoria dos seus avós na lingua cando deu con Cunqueiro da man do seu profesor Carvalho Calero, pero sobre todo ao ler os poemas de Celso Emilio Ferreiro e Manuel María. "Os da miña xeración fomos testemuñas daquel entusiasmo e unímonos a el", sinalou.

O interese pola edición viu despois, case como consecuencia do compromiso coa lingua. "Decateime de que non somos ninguén se non somos capaces de crear unha infraestrutura de creación, produción e difusión. Temos que estar aí", indicou o que foi director de Galaxia dende 2002 ata a súa xubilación.

Foi despois de xubilarse cando lle encomendaron a presidencia da Real Academia Galega. "Eu non son capaz de poñerme de perfil", explicou facendo referencia ao seu compromiso cunha institución implicada non só no estudo da lingua, senón tamén na súa difusión e implantación na sociedade. "A RAG ten que pular para que a lingua galega estea presente no mundo, por iso poñemos especial interese nas redes sociais e na web. E o certo é que somos unha ferramenta útil porque o noso dicionario ten 70.000 consultas diarias", indicou. "Temos que conectar o galego coa vida, e iso implica tamén ámbitos como o económico.

Varela preguntou tamén polo homenaxeado esta no nas Letras Galegas, que foi mestre do propio Freixanes, Carvalho Calero. O presidente da RAG admitiu a controversia da elección despois de anos como candidato a ser homenaxeado. "O reintegracionismo de Calero prexudicouno, pero á vez converteuno nun mártir tras anos sen ser seleccionado", contou.

"Onde son eu máis de verdade é nas miñas novelas"
Comentarios