A Orbil Parade di adeus ata o vindeiro Salón

As oito figuras da mascota do Salón do Libro recollíanse onte tras varias semanas nas rúas
undefined
photo_camera david freire

ESTABA previsto que onte quedaran todos os Orbil retirados das rúas de Pontevedra, malia que a última hora de aínda se podía ver á mascota do Salón do Libro nalgúns emprazamentos onde permaneceu nas últimas semanas. Tralo éxito acadado, a mostra de réplicas do lobo lector recóllese ata o vindeiro ano. E malia que non hai rexistro que sexa testemuño do número de visitas, a ver quen non agocha no seu móbil unha fotografía con algúns dos vistosos Orbil que o Concello espallou pola cidade.

É é que coa finalidade de destacar diferentes puntos da Boa Vila que son exemplo de sostibilidade, posta en valor do espazo público para goce da cidadanía e especialmente da cativada, o Salón do Libro volveu acoller por segundo ano consecutivo a Orbil Parade.

A rúa Afonso XIII, as prazas de Ourense, Barcelos, Teucro, As Regas, a renovada Ponte do Burgo e a Illa do Covo foron os lugares escollidos para descubrir esta mostra. As localizacións apareceron sinaladas nun mapa -deseñado por Tania Solla- que facilitou ás familias o seu descubrimento. Pero ademais, na web do Salón recollíase información sobre os emprazamentos e outros lugares destacados da cidade como os parques forestais da Fracha, Tomba e Pontillón do Castros.

Dentro do propio Salón, permaneceu a estatura en branco para que, tal e como se fixera tamén na edición anterior a cativada puidera decorala con ceras de cores.

Oito estatuas volumétricas conforman esta mostra tan especial. A estética destas pezas está centrada en cores vivas e chamativas, nada que ver co agardado para unha estatua e menos coa figura dun lobo. As oito figuras foron construídas a tamaño real (2 metros de altura), as mesmas dimensións da mascota "real" do evento, o lobo Orbil que cada ano percorre os recantos do Salón do Libro recollendo as apertas e agarimos dos máis pequeniños. Nesta edición, a pandemia afastouno da rapazada, que de seguro xa agarda a que volva o vindeiroano.

Comentarios