A ordenanza de mobilidade activarase antes do verán

O Concello retoca o borrador do regulamento para elevar de 12 a 15 anos a idade obrigatoria para ir en patinete eléctrico en vías con límite 30
Pontevedra prohibirá que os vehículos, con ou sen motor, superen os seis quilómetros por hora en áreas de prioridade peonil
Ciudadanos paseando con un carrito de bebé en la Travesía da Galera, que conecta con Arcebispo Malvar. DAVID FREIRE
photo_camera Cidadáns paseando cun carriño de bebé na Travesía da Galera, que conecta con Arcebispo Malvar. DAVID FREIRE

A nova ordenanza de mobilidade de Pontevedra entrará en vigor antes do verán. é a data que este martes puxo o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez Junquera, para a posta en marcha da normativa que dará máis prioridade ao peón en todos os espazos públicos. "Os peóns son sempre os que teñen a preferencia", recordou o edil do BNG logo da comisión informativa na que a oposición recibiu unha copia do texto.

PP e Cidadáns terán ata o venres para realizar as achegas que estimen oportunas. Farano no marco da comisión previa ao Pleno municipal do luns que vén, na que se ratificará a aprobación inicial do regulamento. A partir de entón, abrirase un proceso de exposición ao público e, con el, a fase de alegacións. Os interesados disporán dun prazo dun mes para reclamar cambios no documento.

Gómez Junquera informou de que o borrador da normativa, que recibiu as achegas dun particular e do colectivo ciclista Pedaladas nunha consulta pública previa a través da páxina web municipal, sufriu pequenos retoques desde a súa presentación aos medios de comunicación o pasado 2 de xaneiro.

O de maior calado afecta idade de circulación para as persoas que utilizan patinetes eléctricos, que se eleva de doce a 15 anos para non diferir das recomendacións da Dirección Xeral de Tráfico (DXT). O regulamento pontevedrés establece que os condutores dos vehículos de mobilidade persoal só poderán transitar polas estradas limitadas a 30 quilómetros por hora ou polas vías cunha velocidade menor.

A modificación máis anecdótica refírese ao nome do código de circulación municipal, cuxo título se cambia de orde por cuestións de carácter xurídico. A partir de agora pasará a chamarse Ordenanza reguladora da utilización dos espazos públicos e da mobilidade amábel.

O QUE DI A NORMA
En pistas do rural
Ordenanza de mobilidade - Pistas do rural
Limitarase a velocidade a 10 km/h en vías rurais municipais sen beirarrúas ou beiravías de menos de 1,5 metros.
Patinetes eléctricos e bicis
Ordenanza de mobilidade - Patinetes eléctricos e bicis

Non poderán circular por beirarrúas ou sendas. Si poderán facelo en áreas como o centro histórico ou o centro adaptándose á velocidade do peón.
Patinetes recreativos
Ordenanza de mobilidade - Patinetes recreativos
Os menores de 12 anos poderán xogar cos seus patinetes sen molestar ao peón. E poderán ir en bicicleta pola beirarrúa se non superan os 6 km/h.
As cadeiras de rodas
Ordenanza de mobilidade - Cadeiras de rodas
As persoas que vaian en cadeira de rodas ou outros vehículos que garantan a súa mobilidade terán os mesmos dereitos que o peón.
O tamaño dos lombos
Ordenanza de mobilidade - Tamaño dos lombos
O tamaño dos lombos unificarase. Terán o mesmo deseño e a distancia entre eles será de entre 25 e 100 metros.
Aparcar en beirarrúas
Ordenanza de mobilidade - Aparcar en beirarrúas
Prohibirase aparcar ou parar un coche encima de beirarrúas. Permitirase parar na calzada só en casos de urxencia e por dous minutos.


DE 1989. A posta en marcha da normativa local suporá, na práctica, a derrogación da de 1989, que se quedou obsoleta pola transformación urbana da cidade e as novas formas de desprazamento.

Unha das novidades do regulamento pontevedrés afecta as parroquias. As pistas do rural que estean en mans do Concello serán de prioridade peonil, o que obrigará aos condutores a extremar as precaucións. Nas vías que non teñan beirarrúas e naquelas nas que as beiravías sexan de menos de 1,5 metros, os vehículos deberán moderar a súa velocidade a dez quilómetros por hora.

A ordenanza tamén obrigará a que todos os vehículos circulen pola calzada. E isto inclúe a bicicletas e patinetes eléctricos, que non poderán transitar polas beirarrúas e outras áreas estritamente peonís. Por onde si poderán pasar é polo centro histórico ou en zonas de coexistencia, como as plataformas únicas. En caso de facelo por estas últimas (Michelena, O Gorgullón ou Lepanto, por exemplo) deberá ser a unha velocidade moderada e nunca superior a seis quilómetros por hora.

As carreiras e outras competicións quedarán prohibidas. A única excepción serán os menores de doce anos, que poderán xogar coas súas bicis e patinetes recreativos en espazos libres sen necesidade de estar en compañía dun adulto. Iso si, sen xerar molestias ao peón.

ATA 500 EUROS. A ordenanza tamén fará fincapé nos estacionamentos prohibidos en beirarrúas para evitar danos neste tipo de elementos da reforma urbana. As persoas que transporten un vulto, a persoas enfermas ou con diversidade funcional poderán parar de forma excepcional na calzada, pero por un máximo de dous minutos para non interromper a circulación. En áreas de coexistencia, como a zona vella ou en zonas de plataforma única, poderase estacionar de forma libre, pero por un máximo de dez minutos.

O regulamento loitará tamén contra a contaminación acústica, sobre todo en horario nocturno. Os condutores deberán evitar ruídos, polo que non se poderá tocar o claxon, salvo en casos de extrema necesidade. Tampouco se poderá circular coa música a todo volume ou a escape libre.

A normativa municipal, que prevé multas de 200 a 500 euros, segundo a gravidade dos casos, incorporará ademais as zonas con límite 30 e 10. Nas áreas de preferencia peonil, todos os vehículos (con ou sen motor) non poderán superar os seis quilómetros por hora nin tampouco circular a menos de dous metros de portais, garaxes ou cruces. En canto aos lombos, o seu tamaño unificarase, adaptándose á altura das beirarrúas.

Comentarios