O Orgullo pontevedrés bota a andar con dúas actividades no Mercado

O vello edificio do Concello xa loce as cores representativas do colectivo LGTBIQ+ que será posto en valor toda a semana
Os concelleiros que asistiron este luns ao despregue de boas reivindicativas contra a plumofobia no antigo concello. GONZALO GARCÍA
photo_camera Os concelleiros que asistiron este luns ao despregue de boas reivindicativas contra a 'plumofobia' no antigo concello. GONZALO GARCÍA

Pontevedra inaugurou, co despregue da instalación Non á plumofobia no balcón da Casa Consistorial, o programa de actividades lúdicas, culturais e reivindicativas organizadas pola Concello con motivo da Semana do Orgullo LGTBIQ+ a través do programa municipal Pinto e Maragota. O acto, que consistiu na colocación de boas de plumas de cores sintéticas que penderán do Consistorio durante sete días, contou coa presenza da edil de Igualdade, Paloma Castro, e de varios concelleiros máis, así como da coordinadora do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES), Ada Otero.

Os concelleiros que asistiron ao despregue das boas de plumas reivindicativas no antigo concello. GONZALO GARCÍA

Castro declarou que "a plumofobia está instalada na sociedade como unha forma máis ou menos sutil de odio, que se manifesta en expresións do tipo: Non me importa que sexas gai, pero tampouco fagas ostentación. Trátase dun concepto moi ligado ao colectivo LGTBIQ+. Ter pluma significa que se che nota que es gai ou lesbiana, é dicir, que rompes cos estereotipos da heteronormatividade patriarcal, que es un home afeminado ou unha muller moi masculina. E por iso, este ano queremos centrarnos na plumofobia, o odio cara unha expresión que identifica ao colectivo". A socialista engade que "dicir non á plumofobia significa non xulgar, deixar ser a cadaquén como é, sen valorar, cuestionar ou afirmar que hai unha forma correcta ou incorrecta de ser LGTBIQ+, e en definitiva, realizar unha defensa da liberdade de expresión física, corporal e emocional".

Segundo constatou, a plumofobia tamén está instalada dentro do propio colectivo "como un sinal de autoodio que indica que aínda temos moito que avanzar na aceptación e dignificación".

O programa deseñado pola concellería comeza este martes no primeiro andar do Mercado, con dúas actividades culturais e lúdicas. Ás 20.00 horas celebrarase na Ludoteca O Ganapán o Contacontos Diverso Rei e Rei, no que Sandra Ansín achegaralles aos máis pequenos historias e propostas coloridas para celebrar o Orgullo LGTBIQ+ (con inscrición previa a través do correo electrónico [email protected] e, por motivos de prevención, un aforo limitado a 10 rapaces). A partir das 22.30 horas, o Gastroespazo será escenario do San Xoán Travestí dos Vermús de Pinto e Maragota, un espectáculo de cabaré transformista con Drag Queen e Drag King interpretado por Marinita y sus maromas en clave de comedia musical. O aforo, neste caso, limitarase a 25 mesas.