Un viaxe en tren ata Oporto para promocionar os Festivais Rías Baixas

A iniciativa da Deputación de Pontevedra, 'Atlántico Express', terá lugar o sábado 4
Acto celebrado este luns na estación de Adif Vigo-Guixar
photo_camera Acto celebrado este luns na estación de Adif Vigo-Guixar

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Vigo, Abel Caballero; o deputado Santos Héctor; o vicecónsul de Portugal, Manuel Correia da Silva; os responsables dos sete festivais das Rías Baixas e a directora de Comunicación de Renfe presentaron este luns na estación de Adif Vigo-Guixar a actuación promocional Atlántico Express. Viaxando cos Festivais Rías Baixas, que terá lugar o vindeiro sábado, 4 de xuño.

A iniciativa consistirá nunha viaxe en tren desde Vigo ata Oporto, con saída ás 9.05 horas, amenizada musicalmente por Best Boy e con degustacións de produtos das Rías Baixas. Xa na cidade portuguesa, terá lugar un acto de promoción con música en directo e gastronomía galega, ante xornalistas e turoperadores lusos, para dar a coñecer o destino Rías Baixas e os festivais que durante o verán terán lugar na provincia de Pontevedra. A viaxe de volta será ás 19.00 horas, tamén con música en directo, neste caso de Glockenwise e Su Garrido Pombo.

Carmela Silva destacou que se trata dun "evento diferente, co obxectivo de unir as dúas ribeiras do río Miño e sumar sinerxias con citas importantes de Portugal, como o Mihoes Fest, Amplifest e Serralves", polo que convidou a que a cidadanía se sume reservando prazas en www.renfe.com.

Segundo engadiu, o obxectivo dos Festisvais Rías Baixas é converter esta zona nun punto de referencia nacional no campo dos festivais musicais. "Queremos que os nosos visitantes se sintan atraídos pola nosa vitalidade e autenticidade e por iso sairemos de viaxe en tren o vindeiro sábado para presentar o noso destino e dar a coñecer os sete mellores festivais de música do noso país", dixo.

O alcalde de Vigo felicitou a Silva pola "brillante idea que converte o ferrocarril en cultura, nunha forma de achegar territorios a través da música" e recordou que "hai trinta anos tamén aconteceu algo similar a través do ferrocarril entre Vigo e Madrid coa Movida".

Pola súa banda, Julio Gómez, portavoz dos sete eventos incluídos na iniciativa da Deputación, subliñou que "España e Portugal están a ocupar un lugar moi destacado no mundo dos festivais, polo que esta actuación é unha oportunidade de promover os das Rías Baixas da man dos principais festivais portugueses e dos Museos Serralves de Oporto e Marco de Vigo".

As sete citas na provincia pontevedresa son o Cultura Quente (24 e 25 de xuño, Caldas de Reis), Atlantic Fest (1 a 3 de xullo, A Illa de Arousa), PortAmérica (15 e 16 de xullo, Nigrán), SinSal Son Estrella Galicia (22 a 24 de xullo, Redondela), SonRías (4 a 6 de agosto, Bueu), O Marisquiño (12 a 14 de agosto, Vigo) e Revenidas (19 a 21 de agosto, Vilagarcía).

Comentarios