Os nenos propoñen mellorar Barcelos con pistas deportivas, máis xogos e zonas de sombra

A comunidade escolar do CEIP Barcelos expuxo ao Concello unha tormenta de ideas para potenciar a praza, como a delimitación dunha área para cans e ampliar a 30 minutos o tempo de aparcadoiro
Bará y Fouces se reunieron este martes con miembros de la comunidad educativa del colegio Barcelos
photo_camera Bará y Fouces se reunieron este martes con miembros de la comunidad educativa del colegio Barcelos

Que respondería un alumno de quinto curso de Primaria se se lle pregunta como melloraría o seu patio de recreo? O Concello de Pontevedra optou por exporllo directamente aos estudantes do CEIP Barcelos co compromiso de ter en conta as súas suxestións á hora de reformar a praza, que está chamada a converterse nun gran espazo de lecer tras a peonalización dunha parte do viario que a rodea. Con este obxectivo, os concelleiros de Mobilidade e de Igualdade, Luís Bará e Carmen Fouces, e as arquitectas encargadas de deseñar a reforma reuníronse onte cunha representación da comunidade educativa do centro, incluídos varios alumnos, integrantes da Asociación de Nais e Pais e membros do equipo docente.

A tormenta de ideas tivo abundantes resultados, tal e como sinalou o director do CEIP, Ángel Rodríguez. Así, os nenos propuxeron instalar randeeiras e xogos adaptados tamén á súa idade e non só para os máis pequenos, así como retirar o enreixado e substituír a zona de area, incorporando ese espazo ao parque infantil. Tamén pediron que se planten máis flores, que se instale unha nova fonte e se delimiten pistas deportivas de fútbol e baloncesto e para xogos tradicionais, como o trompo.

Pola súa banda, as nais achegaron unha boa ración de ideas, como aumentar o tempo de estacionamento para servizos dos 15 minutos actuais a 30, crear un estacionamento para bicicletas, acoutar unha zona para cans, construír ‘lombos’ nos pasos de peóns da praza, colocar mesas de ‘ping pong’, eliminar os parterres para gañar máis espazo, crear zonas de sombra na área infantil colocando pérgolas con enredaderas, pintar o pavimento fronte ao colexio con deseños para practicar xogos tradicionais (como o clásico peletre ou os circuítos de chapas) e cambiar as prazas reservadas para motos, posto que xa existen outras nas rúas Rouco e Cobián Roffignac.


INTERVENCIÓN ARTÍSTICA.
Tamén propuxeron que a reforma da praza de Barcelos reflicta dalgún xeito que os nenos foron os impulsores da mesma. A idea é que eles participen cunha intervención artística que deixe constancia do seu protagonismo na remodelación levada a cabo neste espazo urbano.

O director do CEIP engadiu que outra das propostas foi o acondicionamento dunha zona cuberta para que os nenos poidan xogar fose cando chove.

Tal e como engadiu, "o balance da reunión foi moi positivo, como tamén o é o feito de que a comunidade escolar participe de forma activa" no redeseño da praza.

Agora, o equipo encargado de materializar a actuación estudará a posibilidade de levar á práctica as ideas. Ademais, o Concello precisou que a reunión de Luís Bará e Carmen Fouces cos representantes da comunidade educativa «permitiu facer unha avaliación sobre vos primeiros días do novo escenario deseñado na praza, un escenario que está chamado a ser tamén un gran patio escolar de xogos».

Comentarios