Otero Pedraio, sometida a melloras en accesibilidade e seguridade viaria

A rúa permanecerá pechada ó tráfico ata a tarde deste venres para a construción dun paso de peóns elevados, elementos redutores de velodidade e unha beirarrúa
As obras na rúa Ramón Otero Pedraio. CONCELLO
photo_camera As obras na rúa Ramón Otero Pedraio. CONCELLO

A rúa Ramón Otero Pedraio, próxima á Estación de Tren e ó Centro Comercial Vialia, está experimentando unha serie de obras por parte da Concellería de Sostemento de Espazos Públicos Urbanos, xestionada por Eva Vilaverde.

Estas obras están destinadas a mellorar a mobilidade e accesibilidade peonil na rúa, de cara a garantir a seguridade de todos os veciños e veciñas que circulan por ela. En moitos casos esta zona tamén é frecuentada por un gran número de peregrinos e peregrinas que acceden a Pontevedra dende o Camiño Portugués, outro dos factores que explica a importancia de executar ditas melloras.

A empresa COVSA, compañía adxudicataria do servizo de mantemento dos espazos urbanos, será a encargada de levar a cabo ás obras na rúa pontevedresa

As melloras inclúen a construción dun paso de peóns elevado e a instalación de redutores de velocidade. Ademais, tamén se procederá a creación dun tramo de beirarrúa co que a zona non contaba baixo a ponte do ferrrocarril. Unha vez realizados estes traballos procederase ó fresado e asfaltado dun tramo da rúa.

Estas obras ás que será sometida á rúa Ramón Otero Pedraio implican que o tráfico no carril de circulación no sentido centro cidade - rotonda de O Marco –o carril de saída de Pontevedra–, permanecerá pechado durante toda a mañá de este venres. Agárdase que o tráfico volva ser aberto ó longo da tarde.

Esta rúa pontevedresa xa sufriu varias obras nos últimos anos. En maio do pasado ano o Concello viuse obrigado a realizar un peche total ó tráfico durante dúas semanas en Otero Pedraio ante o risco de derrumbe dun noiro cara a estación de autobuses. Para garantir a seguridade dos veciños optouse por reforzar e consolidar o subsolo, mermado polas excavacións vinculadas a estación intermodal de Pontevedra.