Éxito rotundo. A primeira edición da troca de libros, unha feira literaria de segunda man que se estreou nesta edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, ten a súa continuidade asegurada despois de que este domingo movera arredor de 5.000 exemplares. "Se chegou para quedar? Chegou para medrar", afirmou rotundamente Eva Mejuto. A coordinadora do Salón, xunto co director do IES Torrente Ballester, David Castro, mostráronse moi satisfeitos pola boa acollida desta iniciativa, que se extende a toda a cidade despois de terse celebrado hai dous anos neste instituto.
Desta volta participaron dez entidades, entre colexios (Vilaverde, Marcos da Portela, Calasancio, Sagrado Corazón e Crespo Rivas), institutos (Torrente) e ANPA (Marcón, O Miradoiro, Xocas e O Pino). Cada unha recibira 500 vales e esgotáronos todos. Durante as últimas semanas os membros da comunidade educativa -e tamén cidadáns alleos- levaran os libros dos que querían desprenderse e a cambio fóranlle entregado o mesmo número de vales.
"Estamos facendo un esforzo para atraer ao público xuvenil", explica Eva Mejuto, coordinadora do Salón do Libro
Durante a mañá do domingo era o momento para trocalos por outros libros. Alí estaban, por exemplo, Geni e as súas fillas María e Uxía, alumnas do Sagrado, encantadas coa iniciativa, ou Sara, con 17 vales para descubrir novas aventuras a cambio de entregar os seus libros "de cuando era pequeña".
Rocío e Alejandro acudiron coas súas fillas Celia e Lucía, de oito e doce anos. As rapazas, tamén alumnas deste centro concertado, trocaron 13 boletos por libros "entretenidos, de misterio y brujería". "Vinimos a primera hora para coger lo mejorcito -explica a nai-. Así cambiamos los cuentos de cuando eran pequeñas por otros más adaptados a su edad. Es una idea buenísima, el año que viene traeremos más".
Judith, Ana e María son mestras na EEI Crespo Rivas e o domingo estaban ao cargo do posto desta escola, onde despacharon 400 volumes e triunfaron os ilustrados. "O vienen con uno o dos vales o traen doce", comentan.
Castro subliñou a variedade da oferta, que incluía libros infantís, novelas para adultos e mesmo enciclopedias e en varios idiomas. "O máis bonito é a implicación das familias e os colexios. Así agora temos libros para ler, para comprar e para trocar", destacou Mejuto, que xa ve esta iniciativa practicamente consolidada no Salón e como un atractivo máis para os adolescentes. "Estamos facendo un esforzo para atraer ao público xuvenil, xa que o infantil e familiar está totalmente entregado". Considera "moi interesante" darlles unha segunda vida aos libros. "Eu creo que vai ser un clásico no Salón".
Durante estes días sucederanse visitas guiadas, encontros lectores, obradoiros gastronómicos e contacontos. No programa destacan dúas citas: o fallo do xurado do Premio de Narrativa Xuvenil María Victoria Moreno (día 10) e o concerto de clausura (venres 12, 18.00 horas, con entrada libre ata completar o aforo do Auditorio), a cargo do alumnado do Rock Lab.