O parque forestal da Fracha estará habilitado en abril

Acondicionáronse catro miradoiros, habilitáronse 26,6 kilómetros de sendas peonís e ciclistas, elimináronse especies invasoras e plantáronse 15.500 novos exemplares de autóctonas
Visita ao mirador do Couto das Forcadas, na Canivouva. DAVID FREIRE
photo_camera Visita ao mirador do Couto das Forcadas, na Canivouva. DAVID FREIRE

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polos concelleiros Pilar Comesaña, Alberto Oubiña e Raimundo González, visitou este mércores a fase final dos traballos do parque forestal peirubano da Fracha.

No mirador do Couto das Forcadas, na Canivouva, o alcalde asegurou que este parque forestal, unido ao da Tomba e ao do Pontillón, suman un total de 538 hectáreas que "forman un borde periurbano cunha gran potencia paisaxística e que vai permitir que a xente se achegue a pasar unha xornada ou facer sendeirismo fóra da cidade". Sobre a previsión de remate das obras de acondicionamento na Fracha anunciou que estarán rematadas a finais de marzo ou comezos de abril, mentres que o parque da Tomba está a piques de ser recepcionado polo Concello.

Fernández Lores agradeceu especialmente ás Comunidades de Montes das tres parroquias a colaboración co proxecto, así como a de propietarios particulares que tamén están cortando eucaliptos na zona para colaborar coa recuperación da biodiversidade do monte. Neste sentido, insistiu en que "con esta actuación do que se trata é de poñer en valor os montes periurbanos para que os desfrute todo o mundo, non só a veciñanza destas tres parroquias senón tamén toda a cidadanía de Pontevedra que está convidada a visitalos, coñecelos e desfrutalos".

Os traballos neste parque forestal consistiron na eliminación de especies invasoras, sobre todo eucalipto e acacias, na plantación de 15.500 exemplares de especies autóctonas, a recuperación dos bordes dos regueiros con especies de ribeira, a consolidación do terreo con restos de poda para que non se produzan escorrentías, a apertura e acondicionamento de 26,6 km de sendas peonís e ciclistas, e a posta en valor de catro miradoiros: dous na zona de Outeiro Navío en Marcón, o da Regha Pireira en Tomeza e o do Couto das Forcadas na Canicouva. Desde este último, poden verse tanto a ría de Pontevedra como a de Vigo. Na contorna de cada un dos miradoiros habilitáronse zonas recreativas e de estancia, con merendeiros e sendas, así como novas plantacións de árbores para crear zonas de sombra, nomeadamente sobre as mesas.

Ademais, tanto o mirador de Outeiro Navío como o do Couto das Forcadas son accesibles para persoas con mobilidade reducida, e os paneis explicativos tamén estarán sinalizados en Braille.

CINCO RUTAS. En canto ás rutas, habilitáronse cinco sendas con diferentes características e dificultades, das cales catro se poden realizar a pé, e dúas en bicicleta de montaña. Están identificadas por cores: vermella (6.950 m), azul (7.810 m), verde (8.560 m), e branca e amarela, ambas con menos de 1 kilómetro cada unha. Todas as rutas son circulares e saen desde o miradoiro de Outeiro Navío, en Marcón, en cuxas inmediacións se habilitaron as zonas de aparcadoiro para coches.

Nestes momentos, tan só quedan por instalar os paneis explicativos, o pintado e marcado das sendas e a delimitación dalgunhas zonas.

Das 406 hectáreas que forman o parque forestal da Fracha, 110,72 están na parroquia de Marcón, 36,88 na de Tomeza e 258,4 na Canicouva (258,40 Ha) e as obras de execución deste proxecto foran adxudicadas á empresa Elsamex por 453.021,69 euros. Convén lembrar que o proxecto do parque forestal periurbano da Fracha está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”.

Comentarios