O parque forestal da Fracha recibe 15 ofertas

Os traballos contan cun orzamento de licitación de 564.864 euros e un prazo de execución de doce meses
2020022511493041532
photo_camera Imaxe dunha das zonas de lecer que se mellorarán no parque forestal da Fracha.

A construción do parque forestal da Fracha decidirase entre 15 empresas, das que 13 teñen sede nas provincias da Coruña e Pontevedra. A portavoz do Concello, Anabel Gulías, avanzou este luns que a celebración da primeira Mesa de Contratación o pasado xoves permitiu relanzar un proxecto que conta cun orzamento de licitación de 564.864,95 euros e financiamento europeo a través dos fondos Feder.

As firmas que se disputarán esta obra son Otero Forestal, Repoboación e Rozas do Noroeste, Seanto, Servitec Medio, Zona de Obra O Rosal, Activa Parques y Jardines, Arines Obras y Proyectos, Calfensa Proyectos, Civis Global, Construcciones Caldevergazo, EC Casas, Elsamex, Misturas, Narom e Naturgalia.

O parque forestal ocupará unha superficie total 406 hectáreas distribuídas en tres parroquias do rural: A Canicouva (258,40 hectáreas), Marcón (110,72 hectáreas) e Tomeza (36,88). E terá en conta os usos produtivos do monte. De feito, as árbores ocuparán unha superficie de 17 hectáreas de monte comunal: oito delas en Marcón, onde se sementarán 3.340 carballos, seis en Tomeza, onde se cultivarán 2.000 exemplares, e tres hectáreas na Canicouva, onde se distribuirán 700 máis.

As carballeiras serán xestionadas polos comuneiros de cada parroquia e a súa finalidade será a produción de madeira para a súa venda. Ademais, todas estas plantacións estarán protexidas cunha malla cinexética para evitar posibles danos por parte do gañado.

O proxecto prevé unha plantación global de11.000 árbores, onde tamén haberá catalpas, bidueiros e castiñeiros que estarán situados nos tres merendeiros do parque forestal.

MIRADOIRO. Unha destas zonas de lecer, a do Outeiro de Navío, en Marcón, disporá ademais dun aparcadoiro para os visitantes. Tanto O Outeiro, como o merendeiro de Rega Pireira (Tomeza) e O Couto dás Forcadas (A Canicouva) contarán cun miradoiro para veciños e turistas. No da última parroquia poderase observar tanto a ría de Pontevedra como a de Vigo.

Outro dos traballos que levarán a cabo neste enclave ten que ver coa eliminación de especies invasoras. De feito, prevese a eliminación de 160.000 acacias próximas ao río.

A obra tamén contempla a mellora de cinco sendas peonís. Dous delas serán de uso compartido cos amantes da bicicleta de montaña. Todas estas rutas, as que se poderán facer a pé ou sobre dúas rodas, suman 26,6 quilómetros. Nun destes camiños, o Goberno local prevé crear unha senda botánica coa plantación de distintas especies do monte galego.

O macroparque forestal da Fracha dispón de polo menos 44 especies distintas de animais. Os responsables do anteproxecto contabilizaron dez tipos de mamíferos distintos (como lobos, nutrias ou xabarís), outras catro especies de anfibios e réptiles (como a salamandra rabilarga) e 30 exemplares de aves (merlos, rapaces diúrnas ou chochines).

Sete empresas dispútanse as obras do vello ximnasio da Once
Sete empresas disputaranse a reforma do vello ximnasio da Once en Campolongo. A obra contempla a renovación da cuberta e da fachada do edificio, que evitará problemas de humidades. A portavoz municipal, Anabel Gulías, informou tamén de que os traballos contemplan a renovación das actuais pistas.

As aspirantes á reforma do pavillón, que estará dedicado ao taekwondo e a esgrímaa, son empesas galegas: Construcións Abal, Orega, Construcións Ramírez, Innova Profesional Desenvolvemento, Gómez Crespo, Prace e Prado Lameiro. O prazo de execución das obras será de seis meses e o orzamento, de nbsp;448.636,94 euros.

Comentarios