O Parque de Maquinaria e a Imprenta demoleranse

A Deputación encarga á empresa pública Tragsa o novo centro de conservación de viarias provinciais no polígono de Barro
Parque de Maquinaria. ADP
photo_camera Parque de Maquinaria. ADP

O Parque de Maquinaria e a Imprenta Provincial serán demolidos. é a folla de ruta coa que traballa a Deputación, que encargará a Tragsa a construción do novo centro de mantemento e conservación de viarias provinciais no polígono industrial de Barro.

A nova instalación levantarase en dúas parcelas que superan os 8.700 metros cadrados. A obra, que dispón de licenza desde a semana pasada, contará cun orzamento de 1,46 millóns de euros e comezará "de forma inmediata", tal e como este martes asegurou a presidenta provincial, Carmela Silva.

A elección da empresa pública, da que a Deputación é accionista, permitirá adxudicar a actuación de forma directa, sen necesidade de sometela a un proceso de contratación ordinario. "Non podemos tardar máis non procedemento que na obra", dixo Silva, que instou os poderes públicos a introducir cambios nas tramitacións para evitar que os proxectos encallen ou se retarden pola burocracia.

A presidenta da entidade provincial confirmou tamén que o edificio da Imprenta Provincial, situado á beira do Parque de Maquinaria, na avenida de Domingo Fontán, ten os días contados. A diferenza neste caso é que a área de publicacións da Deputación non contará cunha sede nova, aínda que o servizo seguirá atendéndose a través doutras fórmulas. "A Imprenta era fundamental cando había que imprimir os boletíns, que hoxe en día son dixitais. Podemos prestar este servizo sen ter que facer un novo edificio", explicou Silva.

Ver máis: Pontevedra conxelará todas as súas taxas e impostos por oitavo ano seguido

O departamento deixou de utilizar o papel en para os boletíns oficiais da provincia (BOPPO) desde finais de 2014. A partir do 15 de decembro daquel ano empezou a utilizarse a versión dixital, isto é, a través de Internet.

CALENDARIO. A derriba de ambas as edificacións, que tamén executará Tragsa, será o paso previo para a recuperación dos terreos ocupados no seu día pola Deputación ao ámbito das marismas, que Silva sitúa en dous anos. "En 2023 estará todo recuperado. Isto vai ser moi rápido. E vai ser un exemplo de recuperación ambiental que correxirán os erros do século XX", sinalou a presidenta provincial.

Ambos os centros de traballo ocupan una superficie duns 171.000 metros cadrados. Entre o traslado a Barro e as tarefas de renaturalización investiranse 3,2 millóns de euros.

A concesión ao Parque de Maquinaria para asentarse na zona da Xunqueira foi outorgada por orde ministerial á Deputación durante a ditadura franquista, concretamente en abril de 1965. Entón, declarouse todas estas parcelas como "zona de experimentación agrícola e gandeira", un uso que nunca chegou a producirse.

A construción da Imprenta Provincial foi amparada polo Goberno central en 1988

O permiso outorgado na década dos 60 á instalación, que chegou a empregar a máis dun centenar de persoas, que se ocupan do mantemento dos máis de 1.800 quilómetros de estradas provinciais, finalizou en 2018. Era o mesmo ano no que Ence tiña que abandonar Lourizán ata que un cambio na Lei de Costas permitiu á pasteira continuar na súa actual localización máis aló daquela data.

No caso do Parque de Maquinaria, a Deputación solicitou o visto e prace do Ministerio de Medio Ambiente (hoxe denominado Ministerio para a Transición Ecolóxica) para manter a nave ata que culminase o seu traslado ao polígono de Barro.

A construción da Imprenta Provincial foi amparada polo Goberno central en 1988, ano no que se lle deu permiso para ocupar terreos protexidos durante 30 anos, ata 2018. O centro reduciu o seu persoal de forma paulatina debido ás xubilacións. Emprega a menos dunha decena de traballadores.

OUTRAS CONCESIÓNS. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, instou este martes á Xunta e ao Estado a seguir o exemplo da Deputación para recolocar as súas sedes para recuperar A Xunqueira de Alba, protexida desde 2012 a través da declaración de Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

"En Pontevedra temos dous Central Park: un é o da Xunqueira e outro ou da Illa do Covo. Son un activo que temos"

Na actualidade, seis instalacións ocupan parcelas á beira deste humidal. Ao Parque de Maquinaria e a Imprenta Provincial únese o Servizo Provincial de Costas, dependente de Madrid e situado na avenida de Domingo Fontán, fronte ao río Lérez. A lista complétana o Centro de Exames da Dirección Xeral de Tráfico e o Parque Móbil do Estado, dependentes ambos do Goberno central, situados en Martín Códax. O Executivo galego mantén na rúa outra sede, o Parque Móbil da Consellería de Medio Ambiente.

"En Pontevedra temos dous Central Park: un é o da Xunqueira e outro o da Illa do Covo. Son un activo que temos", dixo Lores tras comparar estes ámbitos co principal pulmón verde da cidade de Nova York.

O rexedor do BNG reclamou máis accións concretas para restituír o patrimonio natural á beira das marismas. "O demais é encher a boca de palabras", resolveu.

Comentarios