O parque de Médico Ballina terá luz e árbores de sombra

Medio Natural inicia a plantación de sete exemplares e encarga unha columna para iluminar a instalación
2020091912313922882
photo_camera Inicio da plantación de árbores en Médico Ballina. CONCELLO

O recentemente estreado parque infantil de Médico Balllina volve ser obxecto de obras. Nesta ocasión para mellorar a instalación situada na parroquia de Lérez, que disporá de iluminación e árbores de sombra.

A Concellería de Medio Natural, que dirixe Iván Puentes, iniciou a plantación de 13 exemplares, doce deles de especies de folla perenne, entre os que se inclúen seis ficus e unha árbore de lume. A actuación, que está a executar a empresa Viveiros O Piñeiro e Leisure Gallaeci por 9.500 euros, tamén contempla a colocación de seis ligustros. Todas estas especies protexeranse con alcorques de caucho.

Pontes asegurou este venres, a través dun comunicado de prensa, que a creación de zonas de sombra para os espazos de xogo, así como a "inminente" instalación dun "moderno" sistema de iluminación, «permitirán rematar uns dos parques infantís máis fermosos de Pontevedra».

O edil socialista asegurou que tamén se encargou un proxecto de iluminación "que faga posible a súa utilización a calquera hora do día". A empresa Setga será a encargada da obra, que contará cun orzamento de entre 15.000 e 17.000 euros.

O parque infantil de Médico Ballina inaugurouse o pasado mes de agosto. A obra executouna a empresa Bricantel España por 157.520,79 euros. A este diñeiro haberá que sumarlle agora as novas melloras, que incrementarán o orzamento global ata os 184.000 euros.

A instalación conta con case 1.200 metros cadrados de superficie útil nunha antiga parcela de Adif. Dispón de varios xogos, moitos deles accesibles, e zonas de descanso.

Comentarios