A parroquia de Salcedo retrocede 6.000 anos

A Comunidade de Montes inaugurou este sábado de forma oficial o Parque Etnoarqueolóxico do Outeiro das Mouras. O alcalde Lores participou na visita á aldea neolítica na que destacan unha cabana comunal e tres pallozas
Un instante de la visita a las instalaciones realizada este sábado. RAFA FARIÑA
photo_camera Un instante da visita ás instalacións realizada este sábado. RAFA FARIÑA

A aldea neolítica de Salcedo, o elemento máis destacado do Parque Etnoarqueológico do Outeiro das Mouras, comezou a cobrar vida este sábado. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañou aos comuneiros na inauguración do poboado que recrea de forma fiable un modelo de asentamento da Idade de Bronce como os que houbo no monte de San Martiño fai 6.000 anos.

Rafael Quintía, antropólogo e membro da xunta reitora da Comunidade de Montes de Salcedo, que impulsou o proxecto de Outeiro das Mouras, recordou durante o acto inaugural que "temos constancia arqueolóxica da presenza humana nesta zona hai máis de 6.000 anos", como o testemuñan restos de mámoas, túmulos e petróglifos situados na zona. De feito, o visitante pode contemplar seis estacións de gravados rupestres.

A aldea neolítica servirá "como recurso didáctico" para coñecer os usos, ocupacións e funcións dos montes desde a prehistoria ata a actualidade. "Este é un proxecto feito desde unha nova perspectiva de xestión dos montes comunais, cunha visión multifuncional. É un percorrido pola nosa historia para saber de onde vimos", subliñou Quintía durante a estrea oficial do complexo prehistórico.

A estrea do poboado consistiu nunha visita á cabana comunal e ás tres pallozas, currais, fosas de almacenaxe, o estanque e unha zona na que se recrearán as fogueiras que facían os antigos moradores destas áreas. Ademais, o recinto está delimitado por unha empalizada de madeira.

Fernando Pintos, presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, recordou que "dende hai dez anos a nova xunta reitora está desenvolvendo proxectos cos que pór en valor o seu patrimonio, afondando na fórmula que nos permitise facer dos nosos montes espazos sostibles e multifuncionais, porque o monte é parte da nosa historia, un lugar de encontro coa natureza".

Lores: "Sinto moito orgullo polo proxecto que pon en valor a nosa historia e o noso patrimonio etnográfico e cultural"

O alcalde, que tamén é presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Pontevedra-O Morrazo —organismo que cofinanciou o proxecto etnográfico a través de fondos europeos—, destacou que sentía "unha satisfacción grande e moito orgullo" pola actuación "seria e sensata" promovida pola Comunidade de Montes de Salcedo porque "pon en valor a nosa historia e o noso patrimonio etnográfico e natural".

AULA DE INTERPRETACIÓN

Ademais, o equipo directivo que preside Fernando Pintos queren completar a actuación coa creación dunha aula de interpretación que ofreza a quen se achegue unha información máis detallada do Parque Etnoarqueológico. Esta edificación, que será posterior, considérase necesaria para complementar o proxecto global previsto nos antigos terreos do campo de tiro da Brilat.

Esta aldea neolítica forma parte dunha actuación moito máis ambiciosa que busca dotar a toda a contorna dunhas instalacións deportivas que serán financiadas polo Concello e que nunha primeira fase inclúen a construción dun campo de fútbol e tamén dunha edificación que acolla un centro de interpretación, que precisamente sirva de complemento a este poboado prehistórico.

Visitas guiadas a partir de novembro
Aínda que calquera persoa pode visitar de forma gratuíta o complexo prehistórico en calquera día do ano, a realización das actividades formativas e didácticas do espazo etnográfico estarán dirixidas por profesionais que garantirán o rigor científico que require a promoción do complexo da Idade de Bronce.

A empresa ‘Ab origine. Antropoloxía, produción e xestión cultural', dirixirá a partir do 1 de novembro as visitas guiadas concertadas de escolares e de público en xeral. Os antropólogos Rafael Quintía (que tamén é director de campos de traballo e actividades de tempo libre), Cristina Valdés (técnica de turismo) e Miguel Alonso (realizador audiovisual e profesor universitario) serán os encargados de promocionar e dei vulgar o parque etnográfico de Salcedo "a nivel galego e de todo o Estado, incluso establecendo colaboracións con outro tipo de parques ou de propostas similares", sinala Quintía.

Completa o grupo de expertos Valentín García Bóveda, especializado no desenvolvemento de actividades relacionadas co turismo activo en contacto coa natureza (deportivo, de montaña e sendeirismo).

Comentarios