Un particular reclama sen éxito 1,8 millóns de euros pola expropiación dun solar

O TSXG rexeita a petición do propietario dunha parcela en Josefina Arruti ao entender que esta non podía ser ocupada "por ministerio da lei"
Confluencia de la avenida de Vigo con Josefina Arruti. GSV
photo_camera Confluencia de la avenida de Vigo con Josefina Arruti. GSV

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou a petición dun particular que pedía ao Concello a expropiación dun solar por ministerio "da lei", unha opción que contempla o actual PXOM para os terreos particulares que están catalogados como zonas verdes. A sentenza, dada a coñecer este luns pola portavoz municipal, Anabel Gulías, dá por válidos os argumentos dos servizos técnicos e do Xurado de Expropiacións de Galicia, que indicaban que a parcela non reunía os requisitos necesarios para este proceso.

O propietario solicitou sen éxito a ocupación 379,53 metros cadrados de terreos situados entre Josefina Arruti e a avenida de Vigo. Por este predio solicitaba unha compensación de 1.896.466,29 euros.

Tanto os servizos técnicos do Concello como os do justiprecio sinalaron nos seus informes que o solar estaba catalogado como chan urbano non consolidado e pendente de desenvolvemento urbanístico, o que impediría esta expropiación. No seu auto, o TSXG condena ao Concello e ao particular ao pago das costas deste proceso, valoradas en 1.500 euros.

Esta resolución non é a única que recibiu Pontevedra sobre a ocupación de leiras "por ministerio da lei". O pasado mes de maio transcendeu que o TSXG obrigaba ao Concello a indemnizar aos donos dun solar de 723 metros cadrados detrás da Rúa do Gorgullón, á beira do Gafos, con 853.914 euros. Os propietarios pedían 2,6 millóns de euros.

Comentarios