lunes. 25.10.2021 |
El tiempo
lunes. 25.10.2021
El tiempo

O Partido Popular levará ao Pleno o abandono da Illa das Esculturas

A concelleira do PP Ana Isabel Vázquez, este venres, durante a conferencia de prensa. GONZALO GARCÍA
A concelleira do PP Ana Isabel Vázquez, este venres, durante a conferencia de prensa. GONZALO GARCÍA
Ana Isabel Vázquez denuncia a deterioración continuada das pezas escultóricas da Illa do Covo e reclámalle ao Goberno local accións que as poñan en valor, como un mapa informativo ou visitas guiadas

Un programa de visitas guiadas, ben periódicas, ben baixo demanda, que permita percorrer o espazo recibindo información sobre as obras e os autores; un mapa que se poida descargar dende a web de turismo do Concello, ou aplicacións web ou códigos QR que permitan facer un autoguiado con coñecemento. Son algunhas das iniciativas que o Partido Popular (PP) de Pontevedra lle vai propoñer ao Goberno municipal para poñer en valor a Illa das Esculturas. "Imos presentar unha moción no próximo Pleno municipal para reclamar a posta en valor deste parque escultórico, do que xa temos denunciado en varias ocasións ao longo dos anos a falta de coidado, a falta de iluminación, as pintadas e a sucidade", anunciou onte a concelleira Ana Isabel Vázquez.

SIN HORA ILLA DAS ESCULTURAS_ pintadas_ destrozos e abandono nas distintas pezas escultoricas_ Por exemplo_ pintadas e lixo no labirinto_ pintadas e lixo no _cerebro_ dos Poirier_ o _camino_ de pedras de Richard Long desaparecido_ os bancos de Jenny H

A popular criticou o abandono que sofren as pezas escultóricas da Illa do Covo por parte do Concello e avanzou que na mesma moción se reclamará que se identifiquen todas elas de forma clara e visible, "algunhas placas están en moi mal estado e outras desaparecidas"; que se iluminen todas da mesma maneira, "entre outras cousas para axudar a reducir actos vandálicos"; e que se controle a vexetación, ao tempo que se limpan os graffitis e se manteñen as pezas coidadas. "Sabemos que os actos vandálicos existen, pero hai que atopar fórmulas para enfrontalos dende a administración".

Segundo Ana Isabel Vázquez, todo o anterior debería completarse cunha programación que axude a divulgar o contido da Illa das Esculturas, algo que hoxe non se realiza por parte do Goberno local. "A información que se pode atopar en rede está en webs particulares. Non debería ser así. O Concello debería contar co seu propio material actualizado e compartilo con outras webs de turismo institucional a nivel provincial e autonónmico", dixo.

SIN HORA ILLA DAS ESCULTURAS_ pintadas_ destrozos e abandono nas distintas pezas escultoricas_ Por exemplo_ pintadas e lixo no labirinto_ pintadas e lixo no _cerebro_ dos Poirier_ o _camino_ de pedras de Richard Long desaparecido_ os bancos de Jenny H

PATRIMONIO. Vázquez lembrou que, en xaneiro deste ano, o actual concelleiro de Patrimonio, Xaquín Moreda, sinalou, nos medios de comunicación, que tiña a intención de actuar sobre a Illa das Esculturas para contribuír á súa posta en valor. "Estamos rematando o ano e aínda non se sabe nada diso", destacou a concelleira, que tamén é xerente da Cidade da Cultura en Santiago. "É un orgullo para Pontevedra contar cun espazo como este, con escultores de relevancia internacional. Non se pode permitir que estea nestas condicións".

Ana Isabel Vázquez lembrou que este proxecto escultórico se puxera en marcha no seu día por consenso de todas as administracións implicadas e que despois da súa inauguración foi "abandonado" pola administración á que lle correspondía o seu mantemento.

SIN HORA ILLA DAS ESCULTURAS_ pintadas_ destrozos e abandono nas distintas pezas escultoricas_ Por exemplo_ pintadas e lixo no labirinto_ pintadas e lixo no _cerebro_ dos Poirier_ o _camino_ de pedras de Richard Long desaparecido_ os bancos de Jenny H

TRIPADVISOR. A concelleira expuxo tamén como os comentarios que deixan os visitantes do espazo en webs como Tripadvisor prexudican gravemente a imaxe de Pontevedra. Referiuse en concreto á situación na que se atopa o Labirinto, de Robert Morris, "absolutamente horrible: con pintadas, ouriños e mesmo excrementos". "Todas estas cousas aparecen nos comentarios que deixan os visitantes", explicou. "A Illa das Esculturas pasou de ser un atractivo turístico de primeiro nivel a permanecer nun estado de abandono que da unha moi mala imaxe de Pontevedra".

Un proxecto do Xacobeo de 1999 con artistas de talla internacional
O 29 de xullo de 1999 quedou inaugurado na Illa do Covo o que era un dos poucos parques escultóricos ao aire libre de España. O proxecto, comisariado por Antón Castro, chamouse Illa das Esculturas e realizouse ao amparo do Xacobeo daquel ano.

Doce autores de talla internacional participaron na iniciativa:
Giovanni Anselmo (creador italiano referente da Arte Povera), Fernando Casás (profesor en Belas Artes cunha carreira a medio camiño entre España e Brasil), José Pedro Croft (un dos máximos representantes da renovación escultórica portuguesa), Dan Graham (artista, escritor e comisario norteamericano), Ian Hamilton Finlay (poeta, xardineiro e escultor escocés), Jenny Holzer (artista conceptual estadounidense que ten intervido na Bienal de Venecia ou no Museo Guggenheim de Nova York), Francisco Leiro (probablemente o artista galego vivo máis relevante do noso tempo), Richard Long (un dos máximos representantes da land art británica), Robert Morris (un dos maiores teóricos do minimalismo a nivel mundial), Anne e Patrick Poirier (parella de artistas franceses de sona internacional con obra en medio mundo), Ulrich Rückriem (escultor alemán que representou á República Federal Alemá na Bienal de Venecia de 1978) e Enrique Velasco (escultor ligado á Escola de Canteiros).

O proxecto estivo rodeado de polémica dende a súa inauguración, cando a instalación da obra de Leiro xa deu problemas. Seguiunos dando dende entón. Houbo que reparala en diferentes ocasións. Robert Morris quixo rematar a súa peza cunha plataforma elevada para vela dende arriba e non o puido facer. Os actos vandálicos sobre as obras son recurrentes e o desleixo do Goberno municipal, que durante moito tempo non recoñeceu o proxecto como propio senón como da Xunta, acabaron con fortes desencontros entre o comisario, Antón Castro, e o Concello e co espazo relegado na axenda municipal.

O Partido Popular levará ao Pleno o abandono da Illa das Esculturas
comentarios
ç