Pasear por América sen ter que marchar de Pontevedra

Unha parte do fenómeno galego da primeira emigración que cruzou o océano Atlántico entre finais do século XIX e comezos do XX trouxo, á súa volta ao país de orixe, unha mistura de influencias arquitectónicas que deron lugar ás coñecidas casas de indianos
2020080312380145795
photo_camera Detalle da fachada de Vila Pilar co ano da súa inauguración. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

"Galicia non se comprende sin américa", deixou dito o gran propagandista da emigración, Ramón María de Labra. Porque entre finais do século XIX e principios do XX, tomando como límites os anos 1868 e 1936, o fenómeno da emigración cara aos países de América Latina foi unha constante entre a poboación galega. Os destinos escollidos polos pontevedreses nos que buscar fortuna foron varios, entre os que destacan Cuba, Puerto Rico ou Brasil. Será co retorno dos emigrados e os seus cartos á terra nai cando se conciben a edificación de vilas e outras construcións que, debido á súa organización, composición ou tipoloxía ornamental, sobresae entre o resto das construcións populares: as casas de indianos.

Porén, o destas non se trata dun estilo único, posto que a arquitectura indiana non responde a unha cuestión formal, senón que fai referencia á condición do seu promotor. Así, tal e como apuntou Morales Saro, é posíbel establecer unha amplia gama de funcións e envergadura dos edificios en relación co nivel económico dos seus propietarios, posto que algunhas casas de indiano son realmente casas tradicionais que simplemente engadiron máis metros, máis pisos, un xardín ou un mirador novo aos modelos habituais da casa popular. Noutras ocasións son produto de reformas de embelecemento de fachadas e acondicionamentos hixiénicos, nunha modernización interior e exterior da antiga casa familiar campesiña. De feito, a galería galega convértese no elemento máis recorrente que o indiano engade á casa matriz cando non se trata dunha construción de nova planta. De falarmos de recursos decorativos,é notábel como na provincia de Pontevedra moitas das casas foron revestidas con material cerámico policromado, algo relacionábel con Brasil e o seu pasado como colonia portuguesa. Porque os repertorios decorativos responden realmente a modelos europeos, que foran, como os propios emigrantes, inicialmente levados a América para despois regresar.

CAPITAL. Na cidade de Pontevedra, o edificio por antonomasia é Villa Pilar. Situada entre a rúa Marqués de Riestra e o Xardín das Palmeiras, a inscrición na fachada desta casa indiana de estilo ecléctico dátaa de 1905, ano no que se finalizou após seis de traballos. O palacete, pertencente a un pontevedrés que fixo fortuna en Cuba, consta de tres plantas cunha baixocuberta en forma de mansarda, rodeadas por un pequeño xardín con palmeiras e un enreixado de forxa. Da vila tamén destacan as súas balaustradas de formigón, que deberon supor unha novidade de ter en conta a época da súa construción, amais da escaleira de mármore de Carrara que se atopa no seu interior.

A GUARDA. Un dos núcleos de poboación con maior presenza de arquitectura indiana na provincia é o municipio da Guarda. Esta vila costeira agocha no seu interior máis de 60 exemplos catalogados como edificios de retornados, dos que moitos se concentran no casco urbano, maioritariamente nas rúas Puerto Rico e Galicia, se ben outros, como as villas, están tamén nas aforas. As edificacións, propiedade no seu momento de emigrados a Porto Rico, República Dominicana ou Brasil, caracterízanse polo emprego de cantería, forxa e, especialmente, azulexo, aínda que sexan varias as influencias estilísticas que reciben. O concello dispón dun roteiro turístico de balde que percorre unha docena delas.

PONTE CALDELAS. A outra localidade que concentra un alto número de casas de indianos é Ponte Caldelas e a parroquia de Anceu. Os promotores das 15 construcións que o concello ten clasificadas na rede emigraron, maioritariamente, a Brasil, de onde trouxeron modelos construtivos totalmente alleos á arquitectura local. De novo, son edificios que unen unha cantería de calidade coa policromía dos azulexos que cubren os paramentos, que inclúen elementos modernistas na decoración das súas fiestras e nos que as galerías de forxa recubren o balcón principal.

VESTIXIOS. Outros exemplos que se poden atopar na provincia sitúanse no concello de A Lama, onde está a Villa Honorata, Villa Aurora en Fornelos de Montes, a Casa de Soutelo en Forcarei, a Villa O Noso Lar en Vigo, a Casa de Gerardo Fernández Troncoso en Tomiño ou a Casa do Almacén no Rosal, entre outros.

Porén, tal e como sinala Carlos Henrique Fernández Coto, presidente da Asociación Para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (APATRIGAL), "posiblemente houbera máis en outros sitios, pero é moi probable que teñan desaparecido, ben pola especulación, ou ben porque non se lle deu importancia e no seu lugar fíxose outra cousa". Algo derivado, para Coto, do gran problema da arquitectura indiana que é a falta de inventariado da mesma, xa que o interese por ela "é algo novo, dos últimos dez ou quince anos, que se incorpora por primeira vez na última Lei de Patrimonio Cultural galega". Secasí, o presidente de APATRIGAL considera que a súa protección é realmente tarefa das institucións municipais, que na provincia "aínda non teñen moi asumido o valor desa arquitectura", porque, malia ser o seu mantemento de custe elevado, "é unha riqueza que está aí, que conta unha parte importante da historia do país".

Fontes: Casas de Indianos e El legado de ultramar.

Comentarios