Pastora Fernández: "En España sobra riqueza, o problema é quen queda con ela; hai que redistribuíla"

Un reparto xusto e equitativo da riqueza e a unidade do pobo en toda España son dous dos eixos que defende Recortes Cero-Grupo Verde para facerlle fronte á "nova recesión económica que vén". A estas claves suma outras como o feminismo e a blindaxe das pensións na Constitución

É mestra no centro de Educación Infantil Vila Laura en Vigo, residente na cidade olívica e ten 59 anos. Pastora Fernández García volve encabezar a candidatura de Recortes Cero-Grupo Verde ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra.

Pastora Fernández. DPCales son as forzas que compoñen esta formación? 
Somos un movemento social e político que aglutina principalmente a catro forzas: Los Verdes- Grupo Verde, o Grupo Verde Europeo, Unificación Comunista de España e Partido Castellano Tierra Comunera, de Castilla. 

Estas son as segundas eleccións xerais que se celebran no mesmo ano. Que expectativas teñen para esta convocatoria? 
Estamos traballando por volver poñer de manifesto os eixos fundamentais da nosa campaña. 

E cales son eses eixos? 
Hai dous puntos fundamentais: a redistribución da riqueza e ser unha esquerda que defende a unidade do pobo en toda España. Nós cremos que ninguén que se considere de esquerdas pode pensar que as elites do ‘procés’ catalán son presos políticos, porque esas élites eran unha cabeza importante á hora de cometer recortes en sanidade e en educación e, ante o perigo de verse cuestionados e ante as mobilizacións que empezaba a haber en Cataluña contra eses recortes, comezaron con esta política delirante e fixeron un ataque á democracia tratando de impoñer a independencia a unha maioría que non a quere. Ademais, fronte á nova recesión económica que vén, para enfrontarnos aos recortes e para redistribuír á riqueza, é imprescindible a unidade. 

En Galicia hai algo máis de 7.000 persoas que cobran de media 240.000 euros fronte a 318.500 persoas con salarios de 780 euros ao mes

Que plantexamentos ten a súa formación para redistribuír a riqueza e combatir os recortes? 
En España sobra a riqueza, o problema é quen se queda con ela. Un alto executivo da banca cobra 280.000 veces máis que un traballador mileurista. Galicia é a quinta comunidade con máis desigualdade. Actualmente hai algo máis de 7.000 persoas que cobran unha media de 240.000 euros fronte a 318.500 persoas que están por debaixo dos mil euros, cuns salarios de 780 euros ao mes. A diferencia é abismal e ante a nova recesión que vén é fundamental redistribuír a riqueza, o que non se fai cun maior gasto social como di Pedro Sánchez, pero tampouco subindo o salario mínimo como di Pablo Iglesias, nin tampouco repartindo o emprego para traballar todos como di Íñigo Errejón, porque con esta recesión o que está en xogo é precisamente acometer máis recortes contra o 90% da poboación. Por exemplo, en Galicia acabamos de ver o caso do hospital Povisa. Á costa do diñeiro público e do esforzo dos galegos, a Xunta rescatou ese hospital que anunciaba un expediente de crise e despois privatizouse coa súa venda a un fondo norteamericano. É dicir, Povisa saneouse con cartos públicos para xerar beneficios privados e este é un exemplo do que todos nos estamos a xogar nestas eleccións. É o que quere poñer de manifesto Recortes Cero-Grupo Verde. 

Que outros eixos guían esta candidatura? 
Somos 52 mulleres cabezas de lista ao Congreso, porque está moi de moda iso de ‘todo para as mulleres pero sen as mulleres’ e nós queremos poñer de manifesto esta marca feminista. Na convocatoria anterior tamén fomos 52 mulleres como cabezas de lista. E, ademais, levamos tempo pertencendo á mesa estatal pola blindaxe das pensións na Constitución e estamos levando a cabo unha campaña a pé de rúa para recoller sinaturas, porque ese é un dos primeiros puntos que defendemos no noso programa para a redistribución da riqueza: que se blinden as pensións na Constitución, de maneira que haxa un artigo que garanta que, veña o Goberno que veña, as pensións nin se recorten nin se privaticen. Outro punto noso a contracorrente de calquera outra forza de esquerdas é que cremos que ten que haber unha redistribución salarial na que ninguén cobre por debaixo de mil euros, pero que tamén haxa un tope salarial para que ninguén cobre por enriba de 10.000. 

No caso das pensións, como propoñen garantilas? 
Por exemplo, subirlle ata un 50% os impostos aos monopolios, como se fixo en Francia. De aí sairía unha boa partida para as pensións. E para iso e tamén para o resto de gastos o que hai que facer é renegociar a débeda, de xeito que a parte de débeda que temos contraída coa banca exterior non se pague, como se fixo en moitos países, e haxa unha moratoria no pago da mesma. Sobra riqueza para xerar emprego. Trátase diso e de non aumentar o gasto social, porque é fame para hoxe e miseria para mañá, xa que nos volvería encadear ao gran capital estranxeiro. Dito todo isto, debemos de seguir avanzando para conseguir o máximo de apoios, porque dentro das forzas de esquerdas temos un plantexamento a contracorrente pero completamente viable.

Comentarios