O Pazo da Cultura vólvese encher con Silvia Pérez Cruz e a súa Farsa Circus Band

Co 90% da cabida ocupada, o auditorio deixou este sábado pola noite unha imaxe inédita dende que se iniciara a pandemia
O patio de butacas do Pazo da Cultura, cheo de xente, unha imaxe que non se daba dende hai máis de ano e medio. DAVID FREIRE
photo_camera O patio de butacas cheo de xente, unha imaxe que non se daba dende hai máis de ano e medio. DAVID FREIRE

O uso de máscaras é a última pegada que queda da pandemia de coronavirus na celebración de eventos en recintos privados despois de que estes se abrisen ao 90% da cabida. Puido comprobarse este sábado, no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde actuaba Silvia Pérez Cruz xunto á banda que a acompaña na súa xira actual, a Farsa Circus Band. Un dos auditorios máis importantes de Pontevedra (752 butacas) volveuse encher (salvo nese 10% que aínda debe quedar sen cubrir) para deixar unha imaxe inédita dende marzo de 2020, cando se decretou o confinamento.

O concerto da catalá Silvia Pérez Cruz era o segundo e último deste ano do ciclo Voices, organizado pola promotora i-Radia Crea para o Concello de Pontevedra. Dentro del tamén actuaran os norteamericanos The Jayhawks o pasado mes de xullo.

A artista catalá pechou o ciclo 'Voices' deste ano, polo que tamén pasaron The Jayhawks

AVOA GALEGA. Nada máis saír a cantautora gañou unha das ovacións da noite. Porque escolleu para empezar a velada Negra sombra, o que a levou a ser recibida con aplausos. Dixo que lla cantaba á súa avoa galega de Ourense. E é que a artista ten raíces en Laza.

A cantautora elixiu ‘Negra sombra’ para abrir o seu concerto de Pontevedra, o que a levou a recibir a primeira ovación da noite

Pérez Cruz veu a Pontevedra co seu último proxecto, que a levou, entre outros, a actuar no pasado Festival de Jazz de San Sebastián. Aínda que nestes directos inclúe algunha versión, algún dos éxitos de discos anteriores e algunha das súas incursións no cine e no teatro, o espectáculo céntrase fundamentalmente en repasar o seu último traballo, Farsa (género imposible). Para iso faise acompañar da Farsa Circus Band, un quinteto de músicos formado por Carlos Montfort (violín e voz), Publio Delgado (guitarra e mandolina), Marco Mezquida (piano), Bori Albero (contrabaixo e Aleix Tobías (percusión). Con eles acada esa posta en escena elegante e íntima que lle deu sona ademais de, entre outras cousas, dous premios Goya á mellor canción orixinal, polas súas composicións para Blancanieves, de Pablo Berger, e Cerca de tu casa, de Eduard Cortés.

O Pazo da Cultura acollerá outros cinco grandes concertos antes de rematar o ano. Son os de Balthazar (30 de outubro), Madeleine Peyroux (31 de outubro), Tanxugueiras (28 de novembro), Maika Makovski (4 de decembro) e Carlos Núñez (18 de decembro). Entradas: ataquilla.com (salvo Tanxugueiras, dende este luns en enterticket.es).

Comentarios