martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

Unha PCR positiva atrasa un confinamento nunha aula

Unha enfermeira prepárase para realizar unha proba PCR. EFE
Unha enfermeira prepárase para realizar unha proba PCR. EFE
Tardan cinco días en decretar a corentena dunha aula do CEIP A Xunqueira II ao non recoñecer a Xunta a infección dun alumno

Os 26 alumnos dunha aula de 3º de Primaria do CEIP A Xunqueira II de Pontevedra e a súa titora iniciaron este luns unha corentena de dez días despois de que un dos escolares dese positivo por covid-19 o pasado domingo. Pero a rocambolesca historia non queda aquí, porque o neno xa dera positivo nunha PCR o mércores anterior, un resultado que a Xunta non recoñeceu no seu momento, polo que tardou cinco días en activar o protocolo. 

É a propia nai do afectado quen explica o ocorrido. O neno, residente en Pontevedra, estivo coa súa avoa, veciña de Cuntis, o venres 16. A muller sentiuse mal o sábado, fixo a PCR o luns e o martes 20 deu positivo. "Como o meu fillo estivera con ela antes do sábado non lle quixeron facer a proba". Pero non quedou tranquila, polo que ese mesmo día pagou 80 euros pola PCR do seu fillo, asintomático, nunha clínica privada. E ao día seguinte confirmáronse os seus temores. "Dixéronme que a posibilidade dun falso positivo era dun 1%".

Avisou o colexio, pero "non podían facer nada porque non fora unha PCR da Xunta. O xoves conseguín que o meteran na lista —o balance de casos contabilizados por Educación— e ata o sábado non lle fixeron a PCR" do Sergas. O domingo ratificouse o contaxio e este luns decretouse a corentena para a súa clase. 

"El levaba sen ir á clase desde o martes pasado, pero fora dous días sendo positivo porque non o consideraron contacto estreito da avoa". A gran maioría dos seus compañeiros si foron a pesar de que ela avisou o mércores da situación. 

A falta do balance oficial, esta aula súmase ás dúas confinadas no CEIP A Reigosa (Ponte Caldelas), por mor de dous casos positivos de persoas empadroadas noutro municipio da contorna, o que deixa este concello en verde

Así mesmo, o BNG de Soutomaior denuncia que a Consellaría de Sanidade "non realizou as notificacións que debería ter feito para que os alumnos gardasen corentena" tras detectarse varios positivos por covid no IES de Soutomaior o pasado 20 de outubro, polo que continuaron indo a clase co consecuente risco para eles e as súas familias.

Unha PCR positiva atrasa un confinamento nunha aula
comentarios