sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

Os pensadores piden "límites ao crecemento" na Semana de Filosofía

Sabela Fraga ofreceu a última conferencia da Semana Galega de Filosofía. GONZALO GARCÍA
Sabela Fraga ofreceu a última conferencia da Semana Galega de Filosofía. GONZALO GARCÍA
Fin a unha semana de reflexión arredor da dixitalización, a súa sostibilidade ou os seus efectos sociais

Ante o entusiasmo tecnolóxico, reflexión. A proposta da Aula Castelao para a XXXVII Semana Galega de Filosofía era pensar arredor da dixitalización e as súas consecuencias sociais, medioambientais, económicas, de saúde e mesmo xurídicas. O encontro, que rematou onte tras unha semana de ponencias arredor do tema, saldouse cunha ampla lista de conclusións que leu Francisco Ramil, membro da Aula Castelao. "Han de poñerse límites ao crecemento. Precisamos máis desenvolvemento e menos crecemento", subliñou.

Tras a derradeira conferencia do congreso, protagonizada pola historiadora da arte e activista feminista Sabela Fraga, procedeuse á clausura do evento, na que participaron Alexandre Cendón, presidente da Aula Castelao; Jorge Soto, Vicerreitor da Universisade de Vigo; a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, e a deputada de Política Lingüística María Ortega.

Ramil sinalou que o reto fundamental do século XXI "é distribuír entre todos o menor tempo de traballo e facer fronte á fatiga e ao cansanzo que nos impide participar da crecente riqueza producida", referíndose á intervención de Albino Prada, que inaugurou o congreso o luns.

Do mesmo xeito, outro dos asuntos tratados nesta edición xirou arredor da saúde e como os cambios introducidos polas novas tecnoloxías afectan aos hábitos, xerando novas patoloxías ou condutas enfermizas. Neste sentido, Santiago López Petit puxo enriba da mesa a idea de que os individuos se convertan "nunha simple marca comercial e cústanos coidarnos logo que a nova patoloxía xa non van ser os virus ou as bacterias, senón o neuronal", explicou Ramil. No mesmo sentido, o doutor en Psicoloxía Antonio Rial Boubeta repasou os efectos das novas tecnoloxías nos máis novos e como estas interfiren na súa socialización.

Neste sentido, a imaxe adquire unha nova dimensión e mesmo se xeran pantallas a través das cales é posible modificar o propio aspecto "o que provoca que proliferen os cirurxáns estéticos", segundo a filósofa Belén Castellanos. É por iso que ás veces "a desconexión é case unha obriga para preservar a saúde mental".

O consumo de lecer cambiou tamén, tal e como recordou a propia Castellanos, que falou das modas de series que se ven de xeito compulsivo "e que nos ligan á pantalla como un acto ritual comunitario". 

Por outra banda, a Semana Galega de Filosofía puxo atención tamén sobre as consecuencias que a dixitalización ten para o medio ambiente, con intervencións como a de Iolanda Mato, educadora ambiental que falou da industria da minería en Galicia vencellada a minerais como o litio ou o estaño, necesarios para a fabricación de dispositivos tecnolóxicos, e como esta afecta e destrúe a paisaxe.

Ante a insostibilidade do crecemento descontrolado, Andoni Alonso propuxo poñer freno e falou dos movementos luditas. "Hoxe son luditas os ecoloxistas", recordou Ramil durante a lectura das conclusións.

A volta da cita un ano despois
A Semana Galega de Filosofía, que se celebraba ininterrompidamente dende había 37 anos, tivo que ser cancelada na edición de 2020 por mor da pandemia. Neste 2021, a Aula Castelao, que organiza o evento, recuperou o programa previsto para a anterior edición introducindo algunhas novidades.
Unha delas foi que se tratou dun encontro semipresencial, de modo que se combinaron as intervencións dende o Teatro Principal coas videoconferencias e todas as ponencias puideron seguirse indistintamente dende o Teatro, con aforo limitado, ou a través da páxina web do colectivo.

Os pensadores piden "límites ao crecemento" na Semana de Filosofía
comentarios
ç