"Se non perdese o olfacto, podería contaxiar a unha chea de xente"

O madrileño diagnosticado nunha casa turística de Meis está illado nunha habitación do Centro de Hostalería de Santiago, sen TV e comunicándose cos seus compañeiros "pola fiestra"
2020080810450244742
photo_camera O mozo illado. DP

O mozo diagnosticado de covid-19 nunha casa turística de Meis dá grazas por caer na conta de que podía estar infectado. Pola contra, cre que as consecuencias poderían ser fatais, pois tiña pensado regresar a Madrid e continuar coa súa vida, con máscara e gardando as distancias, pero probablemente desconocedor de que era portador do virus. "Se non perdese o olfacto, podería contaxiar a unha chea de xente. Ao principio pensei que podía ser un catarro, porque me bañei en Cíes e a auga estaba moi fría. Pero logo vin que non me pasaba e xa dei aviso aos meus compañeiros, porque sabía que era un síntoma habitual da enfermidade".

Os primeiros síntomas apareceron o sábado. O domingo, xa na vivenda turística de Meis, deu aviso do seu estado ao Sergas, que lle ordenou o illamento "porque era moi probable que tivese o virus". O martes dous profesionais desprazáronse á vivenda para facerlle as probas, que concluíron con resultado positivo. Entón xa só permanecían no aloxamento o mozo e dous compañeiros de viaxe. Os outros dous marcháronse o luns.

A responsable da vivenda solicitou á Xunta o realoxamento dos mozos ante a finalización da estancia contratada. Os tres foron trasladados en ambulancia a última hora do xoves ao Centro Superior de Hostalería de Santiago.

O mozo positivo atópase illado nunha habitación do centro, "sen televisión" e comunicándose "pola fiestra" cos seus compañeiros, tamén confinados cada un nunha estancia. O primeiro debe estar illado polo menos 14 días ata que someterse a unha segunda proba. Os outros dous acaban de dar negativo nas PCR, pero deben agardar dez días ata realizar un último test de descarte.

Os tres tiñan pensado regresar á capital o xoves, pero o confinamento trastornou os seus plans persoais e de índole laboral. Polo de agora, avogan por encarar o transo "do mellor xeito posible".

O positivo, que se atopa "ben", cre que puido contaxiarse "en Madrid", desde onde partiu o xoves en dirección a Galicia. O que non sabe é onde puido orixinarse o contaxio. "Tomo todas as precaucións, pero collo o transporte público e tamén puiden estar con algunha persoa asintomática".

O mozo agradece encarecidamente "o bo trato recibido", tanto en Meis, "onde Protección Civil nos facilitou provisións" como na escola compostelá. "O trato é moi bo, porque nos traen almorzo, comida e cea. Non podo pór ningunha pega".

Comentarios