Os PGE reservan 20,9 millóns para a A-57 e 2,2 para o nó de Bombeiros

O proxecto das contas estatais suma partidas para a chegada da Ave, a A-54 ou as fragatas F-110
PON2504P9F1
photo_camera Nó de Bombeiros. ARQUIVO

Os traballos pendentes para a chegada da Ave a Galicia, as fragatas F-110 e a autovía entre Santiago e Lugo (A-54) son algunhas dos principais investimentos en Galicia que recolle o proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2021, que tamén reserva unha partida de 20,9 millóns de euros para a A-57 entre Vilaboa e A Ermida. Á remodelación do enlace de Pontevedra norte, o nó de Bombeiros, asígnanselle 2,2 millóns.

A A-54, mentres, ten asignados para o próximo exercicio 36 millóns para o tramo entre Arzúa e Melide, unidos aos máis de 33 millóns entre Melide e Palas de Rei. A isto súmanse 2,2 millóns o ano próximo para o enlace orbital en Santiago para a conexión da A-54 coa AP-9. 

Adif Alta Velocidade, pola súa banda, prevé investir 51,8 millóns de euros na provincia de Ourense en 2021, así como uns 22 millóns de euros en Zamora, despois de que esta semana o ministro de Transportes, José Luis Ábalos, asegurase que a Ave a Galicia estará a finais do próximo ano. 

Unha das partidas que se recollen nos PGE contén 29 millóns de euros en 2021 para a variante de Ourense. Ademais, está previsto continuar cos estudos de actuacións para a conexión con Lugo da liña de alta velocidade de Ourense a Madrid. 

Outra das partidas que figura no capítulo de Adif para 2021 son 35,4 millóns de euros para a renovación da liña ferroviaria do corredor noroeste entre Monforte de Lemos e Lugo, así como 12,8 millóns para a renovación da liña entre Ourense e Monforte. En ambos os casos, están previstos investimentos ata 2024 que suman uns 130 millóns de euros. 

Ademais, o Ministerio de Transportes asegura que continuarán durante 2021 os estudos do baipás de Betanzos co obxectivo de reducir os tempos de viaxe entre A Coruña e Ferrol. Tamén iniciará un novo estudo sobre a conexión de Vigo coa fronteira portuguesa. A electrificación entre Vigo e Tui leva 7,6 millóns o ano próximo. 

Ademais, a renovación do corredor noroeste entre Vigo Guixar-Redondela-Guillarei-Ourense conta con 11,6 millóns de euros para 2021.

O proxecto dos PGE contén tamén 65,6 millóns para as fragatas F-110 e 20 para a rexeneración da ría do Burgo. Outras actuacións pasan polos 29,5 millóns para o acceso ferroviario ao porto exterior de Ferrol; 4,6 millóns para a rehabilitación do Museo Arqueolóxico de Ourense, e 2 millóns de euros para a nova sede central da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.