Piden 17 anos para un veciño por malos tratos domésticos, agresión sexual e lesións

O acusado admite as lesións pero asegura que "non houbo agresións sexuais de ningún tipo"

A fiscal mantén a petición de 17 anos de prisión para Oswaldo O.G. como autor dos delitos de malos tratos domésticos, agresión sexual continuada e lesións, ao agredir á súa parella o 25 de agosto de 2016.

Os feitos, segundo o relato do Ministerio Público, ocorreron, primeiro, nun lugar público da cidade de Pontevedra, e logo, durante toda a madrugada do día 26, no domicilio que ambos compartían en Vigo. O xuízo quedou este xoves visto para sentenza na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Ao elevar a definitivas as súas conclusións finais, a Fiscalía informou que mantén a súa petición de penas suprimindo o agravante de "parentesco", ao entender que é redundante coa de "xénero".

Para a representante do Ministerio Fiscal queda acreditado que o 25 de agosto de 2016, ao redor das 14,00 horas, Oswaldo O.G. iniciou unha disputa coa súa parella por celos en Pontevedra nas inmediacións do centro de traballo dela.

Golpeouna e gritoulle: "Ti o que queres é ir foder co teu xefe". Na noite desa mesma xornada, no domicilio familiar en Vigo, o acusado volveu agredila causándolle diversas lesións.

AGRESIÓN SEXUAL CONTINUADA. Para a fiscal tamén queda acreditada a agresión sexual continuada, que nega o acusado. En concreto, a acusación baséase na declaración da vítima porque ten os elementos que esixe a xurisprudencia do Tribunal Supremo ao producirse na intimidade e sen testemuñas e ao manterse no tempo.

O Ministerio Público tamén sinalou que a muller acudiu á comisaría, acompañada pola súa parella, para denunciar por acoso "sexual ao seu xefe" e que o axente da Policía, ao ver "algo raro", lévaa aparte e é alí onde ela se libera, véndose segura, e confesa que o agresor é Oswaldo.

VIXILANCIA TELEMÁTICA. O Ministerio Fiscal solicitou a prórroga da prisión preventiva, algo que tamén pediu a acusación particular reclamando que, cando o acusado abandone a prisión, sexa vixiado telemáticamente.

Pola súa banda, a defensa do acusado apelou á sentenza 38/2018 da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Navarra, coñecida como a sentenza do caso da Manda, para incidir en que "non hai agresión sexual se non hai violencia" para, a continuación, cuestionar a intensidade das lesións que presentaba a muller, ao que engadiu que non se produciu unha violencia física nin psíquica porque a vítima "non" pedira socorro.

Na súa declaración final, o imputado admitiu as lesións, polas que pediu perdón á muller, pero engadiu que "non houbo agresións sexuais de ningún tipo", polo que rexeitou que el sexa "un violador".