Piden nove anos de cárcere para un pontevedrés acusado de maltratar e violar a súa ex

O xuízo celebrarase os días 22 e 24 de xuño
Audiencia de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Audiencia de Pontevedra. DAVID FREIRE

A Fiscalía de Pontevedra solicita nove anos e catro meses de prisión para un pontevedrés que está acusado de maltratar e agredido sexualmente á exparella, tras non aceptar a súa separación tras pouco máis dun ano de relación sentimental.

O xuízo celebrarase os próximos días 22 e 24 de xuño na sección cuarta da Audiencia de Pontevedra, polos delitos de malos tratos sobre a muller, agresión sexual e ameazas leves.

Segundo recolle o fiscal no seu escrito de acusación, os malos tratos comezarían aos sete meses de iniciar a relación e, en concreto, relata un episodio concreto que ocorreu nunha rúa de Pontevedra en setembro de 2018.

A parella ía nun coche, camiño da súa casa, cando en plena discusión o acusado empezou a insultala e, tras deter o vehículo, pegoulle dúas labazadas na cara.

Ademais, "en data non determinada", continúa o representante público, "pero en todo caso durante a relación", ameazou á muller asegurando que ía prender lume á casa con gasolina con ela e os seus fillos dentro, "causando nela un gran temor e desasosego".

Xa rota a relación, en maio de 2019, a vítima denunciou que a súa exparella seguiuna ata o seu domicilio e, tras negarse a abrirlle a porta, o acusado rompeu o cristal da porta, accedeu á vivenda e, a pesar da súa resistencia, acabou violándoa no dormitorio.

Durante a agresión, segundo este relato, o home díxolle que estivese queda e pensase nos seus fillos. Ao terminar, díxolle que non lle denunciase "ou o ía a pasar mal".

A pesar diso, e tras finxir que todo estaba ben para que se fose, a muller denunciouno ese mesmo día e acudiu a un centro hospitalario para ser avaliada das súas feridas.

O acusado estivo preto dun ano en prisión provisional por estes feitos e na actualidade está en liberdade, obrigado a levar un dispositivo de seguimento telemático para comprobar que non se achegue a menos de 500 metros da vítima.

Xunto coa pena de cárcere, a Fiscalía reclama ao tribunal que se lle impoñan oito anos de liberdade vixiada tras a súa saída de prisión, mantendo ademais a orde de afastamento durante ano e medio máis do tempo que pase encerrado.

Ademais, esixe que indemnice á vítima con 250 euros polas lesións causadas e ao Servizo Galego de Saúde cos 1.220 euros que custou a atención médica recibida pola muller tras a agresión sexual sufrida.