O 'Plan Concellos' da Deputación destinará 42,2 millóns a 59 municipios

Carmela Silva destacou a aposta polos "municipios máis pequenos" do organismo provincial
Carmela Silva. DAVID FREIRE
photo_camera Carmela Silva. DAVID FREIRE

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres en Xunta de Goberno as bases dunha nova edición do Plan Concellos que transferirá 42,2 millóns aos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes, é dicir, todos excepto Pontevedra e Vigo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou en rolda de prensa que a repartición destes fondos farase coa mesma "filosofía" de equidade, apoio á autonomía local e "en base aos criterios de poboación, dispersión e extensión territorial".

Entre as novidades do Plan Concellos 2020 a presidenta provincial ha apuntado a "aposta polos municipios máis pequenos", co que a Deputación pretende cumprir cunha dobre finalidade "apoialos na xestión diaria e contribuír a fixar poboación no rural". 

Os concellos de ata 10.000 habitantes recibirán un 44,6% dos fondos totais (un 6% máis); os de ata 20.000 habitantes, un 34,49% (un 0,49% máis) e, finalmente, os de ata 50.000 habitantes percibirán o 20,91% (un 0,09% menos). Ao tomar como referencia os concellos de ata 20.000 habitantes compróbase que en 2020 recibirán preto dun 80% dos recursos do Plan Concellos

Carmela Silva recordou que nos Orzamentos xerais recentemente aprobados pola institución provincial destínanse aos municipios 54,4 millóns de euros o que converte á Deputación de Pontevedra na "que máis recursos dedica aos concellos de toda España". 
Segundo datos oficiais do Ministerio de Facenda, a Deputación de Pontevedra transfire directamente o 30% dos seus recursos totais aos municipios cando a media das deputacións do resto de España está no 16%. 

Silva insistiu en que o Plan Concellos parte do respecto pola autonomía local xa que "os concellos son os protagonistas á hora de decidir en que se gastan o diñeiro". Pero tamén son exemplo da equidade na relación institucional pois "a Deputación transfire os fondos e os concellos licitan e executan". E tamén subliñou a transparencia nos criterios de repartición "as bases establecen unha repartición obxectiva". 

"Así que criterios claros e apartados do capricho de quen goberna", destacou a presidenta, para recordar que coa posta en marcha deste modelo de xestión no ano 2016 o actual Goberno provincial "puxo fin a prácticas moi diferentes" xa que "antes", denunciou, "había 20 millóns de euros de libre disposición, que o presidente dedicaba ao que lle parecía, e agora o diñeiro se strong <>reparte con plans con bases transparentes".

TRES LÍNEAS. O Plan Concellos 2020 volve estruturarse en tres liñas dedicadas a impulsar distintos ámbitos da xestión municipal. A Liña 1, dedicada a Investimentos, segue sendo a de maior peso relativo pois contará con 29,7 millóns de euros. 

A Liña 2, que permite amortización de débeda, pagos e gasto corrente relacionado coa cultura, actividades deportivas ou educativas, disporá de 3 millóns de euros.

Finalmente, a Liña 3 está dotada con 9,5 millóns de euros para a contratación de persoas desempregadas ou en risco de exclusión social.