Os plans formativos para docentes chegan a 34 centros do municipio

Colexios, escolas e institutos súmanse este curso a esta oferta da Consellería, que na provincia chega a 158 centros educativos
Alumnado do colexio Froebel. GONZALO GARCÍA (ADP)
photo_camera Alumnado do colexio Froebel. GONZALO GARCÍA (ADP)

Un total de 34 centros educativos públicos de Pontevedra sumáronse este curso aos plans de formación permanente do profesorado, unha iniciativa posta en marcha pola Consellería de Educación atendendo á LOE, que destaca que "a cualificación e formación do profesorado, a investigación, a experimentación e a renovación educativa" son os factores que favorecen a calidade do ensino. Deste xeito, apunta o departamento autonómico na correspondente resolución, "a mellora da calidade da educación constitúe unha meta irrenunciable dos sistemas educativos e un dos seus piares básicos", xunto coa "salvagarda dun ensino que garanta a igualdade de oportunidades e a capacitación do alumnado coas competencias e o coñecemento necesarios para o seu pleno desenvolvemento na sociedade actual".

Esta rede de formación permanente do profesorado, que no ámbito da Boa Vila é o CFR Pontevedra, está especializada e axuda e apoia, baixo o principio de colaboración e traballo en equipo, o profesorado na consecución destes fins, achegando a formación ao lugar de traballo.

A finalidade dos plans de formación é actualizar e perfeccionar competencias profesionais docentes para mellorar a calidade educativa

Así, con esta convocatoria a Consellería pretende fomentar que os centros educativos públicos desenvolvan plans específicos de formación permanente que contribúan á autonomía do profesorado na súa formación, á mellora da práctica profesional, ao desenvolvemento do traballo en equipo e impulsar a investigación sobre os problemas que trae de seu a innovación metodolóxica e a súa posta en práctica. Estes plans pretenden responder ás necesidades do centro, tomando como punto de partida unha avaliación da súa situación co obxectivo final de aplicar na aula a formación recibida. As actuacións propostas deberán ser relevantes para diminuír o abandono e mellorar o éxito escolar, así como propiciar unha organización escolar que favoreza a transformación dos centros en organizacións capaces de crear e transmitir coñecemento e de xerar destrezas para a súa adquisición e posta en práctica.

DO INGLÉS Á SAÚDE. Neste curso sumáronse aos plans 158 centros educativos da provincia, dos que 34 corresponden ao municipio capitalino. Deles, catro son novos, o que non quere dicir que xa tiveran participado anos atrás. Son os CEIP de Ponte Sampaio e Plurilingüe Froebel, a EOI de Pontevedra e o IES A Xunqueira I.

Como centros de continuidade figuran, segundo a resolución da Consellería, outros 30. Entre eles están o CEE Pontevedra, o CMUS Manuel Quiroga, a Epapu Río Lérez e a Escola de Conservación e Restauración, ademais de 16 colexios, nove institutos e unha escola de Educación Infantil.

Os motivos que levan a cada centro a apuntarse a estes plans son diversos, pero deben encadrarse en liñas de traballo establecidas previamente. A súa finalidade é actualizar e perfeccionar as competencias profesionais docentes, para a mellora da calidade da educación e dos resultados escolares do alumnado.

No caso do colexio Froebel, a decisión veu motivada pola adhesión ao programa plurilingüe no segundo ciclo da Educación Infantil (Plurinfantil), polo que esta etapa tamén se imparte en inglés, explicou o director, Manuel Carpintero. "En anos anteriores pediramos formación en robótica, que se imparte en cursos superiores. Sempre é necesario formarse para mellorar".

No CEIP de Ponte Sampaio os docentes estanse a formar para desenvolver o proxecto Ponte Sampaio escola saudable, segundo explicou o seu director, Avelino Cabaleiro, que engloba tres aspectos: primeiros auxilios, alimentación saudable e reciclaxe e patios dinámicos e inclusivos.

Comentarios