A plataforma de afectados teme un novo "desmantelamento" de Nexia

O colectivo di que a empresa se vendeu e que a flota de camións foi trasladada da planta de Marcón ► Os acredores tamén aseguran que as oficinas que a firma ocupaba en réxime de aluguer baleiráronse
Instalaciones que ocupaba Nexia, este viernes. DAVID FREIRE
photo_camera Instalacións que ocupaba Nexia, este venres. DAVID FREIRE

A plataforma de afectados por Nexia teme un novo "desmantelamento" da empresa. O colectivo asegura que a firma volveu a cambiar de mans tras un novo proceso de venda. Iso é o que lle trasladou o ata agora administrador da sociedade, José Luís Martínez Rodríguez, a unha acredora. "Díxome que se vendeu e que el e o propietario, Javier López, renunciaran", expuxo este venres a este xornal unha portavoz dos afectados.

As mesmas fontes sinalan que Nexia trasladou a flota de camións da planta de aglomerados que ten no lugar de A Ermida, na parroquia de Marcón. A operación levouse a cabo o juves pasado. "Cargáronos nunhas góndolas con matrícula portuguesa", apuntan.

Este venres mesmo, representantes da plataforma constataron en Marcón que as oficinas centrais da empresa estaban a ser baleiradas. As instalacións non eran propiedade de Nexia, que utilizaba este espazo a través dun contrato de aluguer. "levaron todo o material", afirma a citada portavoz.

A crise de Nexia deixou na estacada a moitos provedores. Unha parte deles constituíuse en plataforma para dirixir as accións legais e xudiciais pertinentes para recuperar o que a firma lles debe. Calculan que o montante podería ir dos cinco aos oito millóns de euros.

Na súa última etapa, Nexia contaba cun persoal formado por 62 persoas. Todas elas foron dadas de baixa da Seguridade Social por orde directa da Inspección de Traballo.

PRECONCURSO. A pesar de que os administradores manifestaron en varias ocasións a intención de reflotar o negocio, o certo é que a situación da firma non parece a mellor. De feito, Nexia atópase en preconcurso de acredores, o que supón a antesala dunha posible quebra.

A sociedade, dedicada ao asfaltado e á execución de obra pública, sufriu varios cambios orgánicos nos últimos meses. Un dos últimos afecta o administrador único.

O Boletín Oficial do Rexistro Mercantil publicou o cesamento do antigo responsable, Pablo Vaiñas Monteagudo, o pasado 13 de febreiro. O seu posto pasou a ocupalo unha entidade empresarial: Realcom Maquinaria S.L.

Os acredores. "A semana que vén armaremos guerra"

"A semana que vén armaremos guerra. Isto non pode quedar así. Temos que tomar algunha medida máis", asegurou este venres a portavoz da plataforma de afectados por Nexia, que considera que os movementos que se están producindo na empresa "non son normais". 

RESCISIÓN DE CONTRATOS. As horas baixas da firma, con sede en Marcón, xerou un importante atraso en obras públicas de distintos concellos. Cando a crise da mercantil foi en aumento, as actuacións quedaron practicamente paralizadas. Esta situación levou a varios concellos a rescindir os contratos que tiñan pendentes con Nexia. Entre eles, Poio e Pontevedra. Algúns destes traballos terán que retomarse a través dun novo concurso. 

FISCALÍA INVESTIGA. Os cambios de titularidade e a xestión de Nexia, que está en fase preconcursal, levou á Fiscalía a iniciar unha investigación. 

A QUERELA. A plataforma de afectados tamén presentou unha querela por un posible delito de alzamento de bens ou insolvencia punible. A demanda formalizouse o venres da semana pasada. 

300 AFECTADOS. A crise de Nexia deixou un reguero de afectados. Calcúlase que existen unhas 300 empresas afectadas por algún tipo de falta de pagamento. A plataforma recentemente constituída trata agora de unificar a todos para emprender medidas conxuntas. A débeda da sociedade é millonaria e algúns provedores temen que o diñeiro que a empresa ten pendente de pago nunca chegue a cobrarse.

comentarios