"Pódese confinar ós Reis Magos?"

Que ningún neno ou nena que de sen agasallo este Nadal en Pontevedra é o obxectivo da campaña (en)Volve, que promoven Benestar Social e a Fundación Meniños  A fin de garantir a seguridade, as cartas enviaranse por whatsapp
As súas maxestades, nunha foto do ano pasado. RAFA FARIÑA
photo_camera As súas maxestades nunha foto do ano pasado.

MENTRES O mundo adulto enreda con se será posible xuntarse en familia este Nadal ou as festas máis entrañables do ano terán restricións, distancia e máscara, os máis pequenos da casa teñen outra preocupación. Que pasa cos Reis Magos? En Oriente tamén hai confinamento? Se hai peche perimetral poderán pasar cos seus camelos? E que acontecerá coas cabalgatas? Por este motivo, desde os concellos da comarca están a idear distintas fórmulas para que a ilusión dos cativos permaneza no Nadal do ano da covid e que, malia que sexan unhas datas diferentes, a maxia dos Reis Magos chegue a todos os recunchos.

Ese é o obxectivo da campaña solidaria (en)Volve, que un ano máis promove a Concellería de Benestar Social de Pontevedra en colaboración coa Fundación Meniños, e que pretende precisamente que, con ou sen cabalgata, con ou sen distancia, ningún neno, nena ou adolescente quede sen o seu agasallo de Nadal. Así o anunciou esta semana o edil responsable do departamento municipal, Marcos Rey, que destacou que neste ano tan particular a campaña chega con tanta antelación como o turrón de chocolate ás estanterías do súper. "A fin de poder planificar con tempo e garantir que sexa segura para tódalas persoas implicadas", manifestou o concelleiro.

Neste ano marcado polas distancias, a proposta solidaria ten unha importante novidade: as cartas só se entregarán vía whatsapp, para evitar así o contacto presencial tanto coas familias receptoras dos agasallos como dos cómplices que participarán, "acudindo única e exclusivamente de forma presencial á Casa Azul para a entrega do agasallo", explicou Marcos Rey.

A campaña cobra máis sentido que nunca este 2020, subliñaron desde Benestar Social, polo que agardan contar coa solidariedade da cidadanía de Pontevedra. Por certo que desde o Concello anímase ós cómplices dos Reis Magos a que merquen os seus agasallos nos comercios da cidade, a fin de darlles tamén un impulso.

Todos aqueles que queiran converterse en cómplices das súas Maxestades de Oriente deberán encher un formulario que atoparán na web do Concello. Os agasallos deberán ter un importe máximo de 35 euros.

"Para calquera dúbida, a Concellería e Meniños estará á disposición da cidadanía a través dos teléfonos de contacto 678 75 49 33 e 604 08 14 72. Neste ano tan complicado, pedimos máis solidariedade e comprensión que nunca", apuntou o edil socialista.

Mentres os cómplices actúan e os comerciantes preparan os seus escaparates de Nadal, as distintas institucións seguen a idear a maneira de que a maxia dos Reis chegue a todos os recunchos, con ou sen cabalgata, con ou sen restricións.