A Policía desmonta a tese de dous mozos con 25 gramos de cocaína

Os acusados dixeron no xuízo que eran para consumir con amigos nunha festa, pero un axente asegura que foron sorprendidos en plena operación de compravenda
comienzo actividad en la audiencia
photo_camera A Audiencia Provincial de Pontevedra. DAVID FREIRE

A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra retomou este luns o xuízo contra Adrián M.C., veciño de Pontevedra, e Roberto S.C., de Sanxenxo, por un delito contra a saúde pública. O primeiro por tráfico de droga e o segundo por tenza preordenada ao tráfico. A ambos sorprendeunos un axente en plena compravenda.

A vista oral iniciouse o pasado 15 de outubro coa declaración dos procesados, que explicaron que os 25 gramos de cocaína cos que foron sorprendidos en maio de 2018 pola Policía eran para consumir cunha ducia de amigos nunha festa, para o que farían un bote entre todos poñendo "entre 100 e 120 euros cada un".

Segundo o seu testemuño, Roberto S.C. comprara a droga en Monte Porreiro e sacouna para ensinarlla ao seu amigo Adrián M.C. cando o atopou na Avenida de Lugo.

Con todo, o axente da Policía Local que os sorprendeu asegura que os acusados estaban en plena operación de compravenda de droga. Sostén que Roberto S.C. comprara a substancia estupefaciente para destinala á venda a terceiras persoas como era o caso de Adrián M.C. que unha vez que recolleu o envoltorio escondeuno nos xenitais.

Na segunda sesión do xuízo, prestou testemuño o axente de Policía que taxou a droga. Un envoltorio de cor branca que lles interviñeron aos acusados en cuxo interior había 24,96 gramos dunha substancia que, unha vez analizada, resultou ser cocaína, cunha riqueza do 31,46% e un valor de 1.456 euros.

CATRO AÑOS. A Fiscalía pide para cada un dos acusados a pena de catro anos de prisión e multa de 3.000 euros (o dobre do valor da droga incautada) con responsabilidade persoal subsidiaria dun día de privación de liberdade por cada cincuenta euros ou fracción que deixen de abonar.

O xuízo retomarase o 26 de novembro, cando se espera que quede visto para sentenza.