A Policía disolve un altercado entre seguidores do Pontevedra e o Rácing de Ferrol

O amplísimo dispositivo de seguridade disposto pola Policía Nacional en Pontevedra evitou unha liorta na tarde deste domingo na rúa Cruz Vermella. Os protagonistas foron supostos seguidores do Pontevedra CF, que acudiron ao lugar no que se atopaban os do Rácing de Ferrol antes do partido entre os dous equipos, en varios establecementos de hostalería da vía. Testemuñas presenciais indicaron a este xornal que, aínda que todos eles estaban baixo os efectos do alcol, foron os locais os que propiciaron o altercado acudindo ao encontro dos visitantes.

A Policía tivo que botar man de material antidisturbios para frear os impulsos dalgúns dos presentes, alzando as súas porras pero sen chegar a golpear aos alí presentes. Sobre as 16.15 horas a liorta foi solucionada pola Policía, que despregou un operativo pouco frecuente na cidade con unidades doutras comisarías. O xefe do dispositivo optou por escoltar os seguidores ferroláns a pé e en dirección á ponte dos Tirantes, afastándoos deste xeito dos locais.

A comisaría xa previra posibles problemas, polo que mantivo aos de Ferrol baixo vixilancia desde a mañá. De feito, impedíronlles acceder á Praza da Verdura para evitar un encontro con radicais do Pontevedra CF que, con todo, acabou producíndose en Cruz Vermella.