A Policía Local de Pontevedra destapa unha fraude a unha aseguradora de Ferrol

Dous socios foron condenados a tres anos e medio de prisión por quedar co diñeiro dos seguros
Control de la Policía Local. CH.F
photo_camera Control da Policía Local. CH.F

O que comezou como unha denuncia rutineira por circular sen o seguro obrigatorio deu paso a unha meticulosa investigación da Policía Local de Pontevedra que acabou, sete anos despois, coa condena de dous empregados dunha correduría de Ferrol que se apoderaron, como mínimo, de 42.500 euros correspondentes a numerosas pólizas non tramitadas.

O caso remóntase a xaneiro de 2012 cando unha patrulla lle dá o alto a un vehículo e comproba, tras consultar coa base de datos da DXT, que carecía de seguro. O condutor mostrouse moi contrariado por esa notificación pois insistía en que si dispuña da preceptiva cobertura, e incluso mostrou aos axentes o resgardo dun recibo, emitido a nome dunha correduría de seguros de Ferrol.

As posteriores pescudas permitiron verificar que o importe do recibo si saíu da conta do condutor, pero nunca chegou á compañía aseguradora, motivo polo que esta anulou a póliza.

Tras solicitar diversos informes, os investigadores municipais comprobaron que outros familiares do condutor denunciado estaban na mesma situación. E non só eles, senón numerosos condutores que tamén crían ter seguro en vigor logo de pagárllelo aos mediadores.

As dilixencias chegaron ao Xulgado e a Fiscalía acusou os dous socios da correduría de apropiarse, durante 12 anos, do diñeiro que lles entregaban os seus clientes —como mínimo, 42.537 euros— para remitilo ás compañías de seguro, o que nunca facían, polo que a póliza se anulaba aos poucos días sen que o afectado fose consciente.

Comentarios