Pont-Up Store acollerá a 39 empresas e terá como eixo temático a sustentabilidade

A novena edición do certame celebrarse a finais de setembro e abrangue varios campos, dende a tecnoloxía ata o téxtil
Edición de Pont-Up Store celebrada o pasado ano. GONZALO GARCÍA
photo_camera Edición de Pont-Up Store celebrada o pasado ano. GONZALO GARCÍA

Coa selección de 39 empresas comezou a conta atrás para a celebración da novena edición do Pont-Up-Store, que se desenvolverá o 23 e 24 de setembro na Praza de España. O comité organizador desta iniciativa, promovida polo Grupo G4 Plus da UVigo, escolleu as startup galegas entre as 150 candidaturas recibidas. Todas destacan pola innovación e a creatividade das súas propostas, pero, sobre todo, por levar a sustentabilidade na esencia mesma da idea de negocio. 

Con respecto á procedencia, o rural continúa emerxendo con forza e supera lixeiramente ao emprendemento nas cidades, mentres que por xénero, son as mulleres as que máis emprenden e dentro das fórmulas xurídicas escollidas cotiza á alza a economía social. 

Entre as liñas de negocio con compromiso ambiental destaca Airco2, que se dedica a eliminar a pegada de carbono nas empresas con monte de cercanía. 

No ámbito das enxeñarías, Beniu Soluciones SL centra os seus servizos en atender as necesidades do rural, empregando técnicas de agricultura de precisión principalmente mediante drones. 

A mobilidade eficiente volve ter o seu espazo coa proposta de 2ebike, que presentará un vehículo con múltiples aplicacións, tanto para paquetería como para persoas. 

Así mesmo, a empresa Digital Monster dará a coñecer en Pontevedra a súa produción de videoxogos galegos e tamén servizos de outsourcing para outras empresas. En canto ao coidado persoal e das mascotas, Supermenta chega cunha liña de produtos feitos a base de cannabis; e Yowup innova cun iogur para gatos e cans. 

O sector do téxtil volve contar con varias iniciativas, como Iniqual, que lanza unha marca de xénero non binario especializada en roupa de confort; e Mexas, que presentará zapatos de coiro 100% feitos a man en México con tinturas vexetais. 

Por último, a alimentación está repesentada por negocios que xorden para cubrir ocos que aínda contan con pouca oferta e que poñen en valor a tradición gastronómica galega. Vioncas Bake chega cunha liña de empanadillas Gourmet artesás, que se venden en España e Portugal. 

O rural continúa emerxendo con forza e supera lixeiramente ao emprendemento nas cidades, mentres que por xénero, son as mulleres as que máis emprenden

EXHIBICIÓNS. Dentro da carpa da Praza de España programaranse demostracións como a de Bágoas Fóra, unha empresa de fabricación de material didáctico e xogos educativos que propón un obradoiro para que as crianzas entre 4 e 12 anos creen un portalapis de madeira

A empresa de obradoiros creativos Matinée Club Creative ensinará a crear un obxecto decorativo utilizando eco-resina e Casperlota Atelier - artesanía de Galicia, amosará como elaborar unha boneca en la de ovella con impresión botánica.

Pola súa banda, a empresa de produtos para mascotas DairYPet organizará unha demostración de Agility na que poderán participar todas as persoas que asistan o evento cos seus cans e cadelas, traballando de forma conxunta para demostrar as súas habilidades nun percorrido onde terán que saltar vallas, introducirse por túneles ou realizar un slálom entre conos. As mascotas gañadoras recibirán unha mostra de produto YowUp!

Comentarios