Pont-Up Store: máis de 60 actividades na cidade en 3 días

O programa de emprendemento celebrará a súa sexta edición do 19 ao 21 de setembro
Agís, Soto, Blanco e Figueroa, onte na presentación do evento. GONZALO GARCÍA
photo_camera Agís, Soto, Blanco e Figueroa, onte na presentación do evento. GONZALO GARCÍA

"Queremos facer de Pontevedra o centro da innovación e do emprendemento de Galicia", afirmou o profesor Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, o "intenso programa" da sexta edición deste evento dedicado ao emprendemento que se desenvolverá entre o 19 e o 21 de setembro na Praza de España e o seu contorno. Esta sexta edición, ademais, será a máis sostible.

O venres e sábado 46 novas empresas presentarán os seus produtos e servizos no espazo central, unha iniciativa que se complementará coa celebración de máis de 60 actividades, coloquios, obradoiros ou presentacións, agrupados nos diferentes espazos que conforman o programa deste evento promovido pola Universidade de Vigo co Concello como patrocinador principal.

O vicerreitor do campus, Jorge Soto; a concelleira de Promoción Económica, Gloria Blanco, e o deputado provincial Gregorio Agís presentaron este xoves xunto a Figueroa o programa desta "iniciativa crucial no ano académico e no ano social e económico de Pontevedra", apuntou Soto, xa que "achega oportunidades ás persoas que están a facer innovación e economía social" e supón unha oportunidade para que a UVigo se proxecto "como parte da cidade".

O lema é 'O impulso da xente valente'. As 46 empresas darán a coñecer os seus proxectos a través das tres modalidades: 36 contarán cun espazo gratuíto na carpa da praza de España e algunhas delas participarán no Puntazo Express, evento no que defenderán os seus proxectos diante dos responsables de catro empresas.

Comentarios