A ponte do Burgo reabrirase ao tránsito peonil o "venres se todo vai ben"

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez anuncia que está prevista a instalación dun paso estreito "de algo máis dun metro de ancho"
Siglo XII. Puente de O Burgo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO - Puentes de Pontevedra
photo_camera Ponte do Burgo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Se todo vai ben e seguimos como ata o de agora" a ponte do Burgo reabrirase ao tránsito peonil o vindeiro venres, día 20. Anunciouno o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez Junquera, ao mesmo tempo que destacou que os traballos no viaduto van cun adianto de tres semanas sobre a data estimada. As obras, que o alcalde Fernández Lores pretende visitar a semana próxima, teñen previsto completarse en febreiro de 2020.

"Vai ser un paso provisional, estreito e valado, xa que non está colocada a nova varanda da ponte e hai que manter todas as precaucións de seguridade", indicou o edil nacionalista. Engadiu que, mentres tanto, os operarios da UTE Imesapi-EC Casas, empresa que está a executar estes traballos, continuarán coa rehabilitación da ponte.

Na mañá deste luns comezou a obra de reforma da cabeceira sur, onde está prevista a habilitación dun paso de peóns elevado entre a ponte do Burgo e a escavación de Valentín García Escudero que dará continuidade ao viaduto cara ao centro da cidade.

Gómez agradeceu aos afectados, "especialmente aos veciños do Burgo" a paciencia que tiveron nestes máis de dous meses coa ponte pechada

A apertura do paso peonil será posible porque os traballos no taboleiro central da ponte atópanse na última fase, polo que se poderá habilitar un paso estreito que estará "de algo máis dun metro de ancho" que estará protexido por valos para os peóns poidan cruzalo.

As obras de peonalización da ponte obrigaron a pechar o paso peonil o pasado 8 de xullo. Esta decisión suscitou as queixas dos comerciantes da rúa Real e do Centro Comercial Urbano "Zona Monumental", que argumentan que o peche peonil da ponte afecta os negocios porque desviaba á potencial clientela cara ás pontes das Correntes e Santiago.

Demetrio Gómez felicitou aos traballadores por realizar un labor "excepcional" durante o verán, e á UTE Imesapi-EC Casas porque "o traballo foi grandioso". Ademais, agradeceu aos afectados, "especialmente aos veciños do Burgo" a paciencia que tiveron nestes máis de dous meses coa ponte pechada.

O concelleiro de Obras destacou que para colocar o centenar de puntos de luz LED que irán no chan foi necesario un traballo de marquetería e os cálculos e o traballo de execución para que as pluviais funcionen ben foron "dificultosísimos", con pendentes do 1%.

"Parabéns a todos porque os traballos están indo moi ben", concluíu Gómez Junquera.

Comentarios