#PonteLovers reparte 2.000 carteis da campaña 'Sentidiño fronte o Covid-19'

Os establecementos de Pontevedra son os destinatarios dos pósteres, que conteñen recollen diversas normas de hixiene e prevención a seguir por parte de clientes

Sentidiño fronte o Covid-19 - PonteLovers (2)Tras completar a distribución de 500 packs de vinilos con sinais e indicacións de seguridade contra o coronavirus polos comercios da cidade, a plataforma Reinicia Pontevedra #PonteLovers iniciou este luns o reparto gratuíto de 2.000 carteis da súa campaña Sentidiño fronte o Covid-19 en tamaño A3 entre as pemes e os establecementos comerciais e hostaleiros do municipio. Baixo o lema Pola seguridade de todos, os novos carteis da iniciativa impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo recollen diversas normas de hixiene e prevención a seguir por parte de clientes, propietarios e empregados dos negocios.

A figura do robot Sentidiño contribúe a divulgar e lembrar dun xeito ameno e distendido, que poida chegar directamente tanto a adultos como a pequenos, medidas como o uso obrigado da mascarilla de protección no interior dos locais, o respecto aos aforos máximos marcados, o mantemento da distancia de seguridade de dous metros, a disponibilidade de xel hidroalcohólico e a importancia de evitar tocarnos a cara, a boca, a nariz e os ollos.

Sentidiño fronte o Covid-19 - PonteLoversA concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, explica que a plataforma Reinicia Pontevedra completará esta campaña coa distribución de 4.000 guías que condensarán as medidas de hixiene e protección máis relevantes difundidas dende as administracións competentes. A socialista fai fincapé no feito de que, tal e como ven acontecendo con tódalas iniciativas lanzadas no marco de #PonteLovers, "este material, que lles vai ser de moita utilidade aos responsables dos negocios para adaptarse á nova normalidade e que doutro xeito terían que adquirir por si mesmos, está a ser repartido gratuitamente".

MESAS DE TRABALLO. En paralelo á campaña Sentidiño fronte o Covid-19 e á intensificación das accións promocionais a pé de rúa, a plataforma #PonteLovers continúa a celebrar mesas de traballo para analizar as demandas, necesidades e propostas dos diferentes sectores económicos e impulsar iniciativas, sinerxias e vías de colaboración.

Para esta semana, a Concellería de Promoción Económica organizou outros dous encontros telemáticos: o martes 26 de maio ás 18:00 horas terá lugar unha Mesa de Empresas Culturais e Creativas, mentres que o xoves 28, á mesma hora, desenvolverase unha de Medios de Comunicación.

Comentarios