Pontenciencia contará coa participación de 19 centros educativos e 12 familias

Forestais acollerá o venres e o sábado a IX Feira da Miniciencia, que exporá 36 investigacións
Políticos e empresarios, xunto ao vicerrector do campus, presentaron onte a nova edición da feira. GONZALO GARCÍA
photo_camera Políticos e empresarios, xunto ao vicerrector do campus, presentaron onte a nova edición da feira. GONZALO GARCÍA

Dezanove centros educativos e doce familias participarán o venres 27 e o sábado 28 na IX Feira da Miniciencia, o evento final de Pontenciencia, un proxecto impulsado polo Concello de Pontevedra, coa colaboración da Universidade de Vigo, o Ministerio de Ciencia e cinco empresas do sector. O obxetivo é "estimular a participación cidadá en procesos científicos e visualizar a ciencia entre os nenos e nenas e o público en xeral", subliña a organización. Despois de que o alumnado de dez centros de Primaria e de nove de Secundaria, así como doce familias, desenvolvesen nos últimos meses 36 proxectos e experimentos científicos, nestas dúas xornadas presentaranse os resultados do seu traballo diante dun comité científico integrado por investigadores dos diferentes centros do campus, que decidirá cales serán merecedores dos premios nas tres categorías da feira, Ciencia no cole, Xoves investigadores e Ciencia en familia. Será na Escola de Enxeñería Forestal.

Na presentación do programa, este luns no Concello, participaron o concelleiro de Educación, Tino Fernández; o vicerreitor do campus en funcións, Jorge Soto; o deputado provincial Santos Héctor e representantes das diferentes empresas colaboradoras. Como explicou Fernández, Pontenciencia "ten o obxectivo de desenvolver o pensamento investigador, poñendo ao alcance dos cidadáns un conxunto de ferramentas e actividades que promovan unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación". En primeiro lugar, explicou, o proxecto implicou o desenvolvemento duns obradoiros de formación no método científico dirixidos tanto aos escolares de Primaria como ás familias participantes e a iniciativa complétase agora cunha feira que recupera o seu formato habitual, "un auténtico espectáculo" aberto á cidadanía, que pode ver "todos os experimentos e as explicacións dos rapaces en directo".

Jorge Soto definiu a feira como "un evento moi importante para o campus", salientou o labor das coordinadoras de Pontenciencia, Saleta González e Vanesa Estévez, e tamén a importancia que ten "a implicación das familias" nunha iniciativa que busca achegar a cidadanía "á ciencia que todos os días é parte de nós".

COMO NAS PELÍCULAS. O vicepresidente de Hifas da Terra, unha das cinco empresas patrocinadoras dos premios Homenaxe á muller investigadora, agradeceu esta iniciativa ao concello, pois "sempre viamos estas feiras nas películas americanas e parecían máis inventores, cando aquí tamén hai". Esteban Sinde Stompel subliñou que Galicia é a segunda comunidade española, só por detrás de Cataluña, no eido da biotecnoloxía e iniciativas como estas son básicas para conseguilo.

"Hai proxectos nos que rapaces demostran máis capacidade que xente que leva 30 ou 40 anos na investigación -afirmou-. Xa está ben dese sistema de memorística e repetición".

Programa ► Exposicións, talleres e premios
A Feira da Miniciencia abrirase o venres coa presentación dos 18 proxectos desenvolvidos, na categoría de Ciencia no cole, por estudantes de 5º e 6º de primaria dos CEIP Santo André de Xeve, San Martiño, Froebel, Marcón, Ponte Sampaio, San Benito de Lérez e A Xunqueira II, así como dos CPR Calasancio, Sagrado Corazón de Pontevedra e Sagrado Corazón de Placeres. De xeito paralelo, a EE Forestal acollerá dez talleres para escolares, centrados en temáticas como a reacción dos cultivos ante as pragas, as praias, a vida escondida das ameixas ou os satélites Sentinel. Pola tarde coñeceranse os 13 traballos realizados en nove centros de ESO: IES Luís Seoane, Frei Martín Sarmiento, A Xunqueira II, Montecelo, Torrente Ballester e Valle Inclán, o CPR Sagrado Corazón de Praceres, o CIFP Carlos Oroza e o CFEA de Lourizán.

Estes proxectos optarán aos Premios Homenaxe á muller investigadora, que buscan «facer visible o esencial papel das mulleres investigadoras ou pioneiras en calquera ámbito do coñecemento », salientou Fernández. Trátase de cinco premios de 300 euros, patrocinados polas empresas Hifas da Terra, Viaqua, Setga, Marine Instruments e Cristalería Pontevedresa, representadas neste acto por Esteban Sinde, Casimiro González, Manuel Fernández, Begoña Vila e Elisa Barbeiro, respectivamente.

Por último, o sábado defenderanse os cinco proxectos da modalidade Ciencia en familia e procederase á entrega de premios.

Comentarios