Pontenciencia regresa o vindeiro luns cun formato axustado á pandemia

Este ano non haberá feira expositiva pero organizaranse actividades individualizadas para cada grupo participante
Tino Fernández. DP
photo_camera Tino Fernández. DP

Unha decena de centros educativos de Pontevedra participarán entre os días 9 e 16 de novembro nunha edición de Pontenciencia cun formato axustado as restricións impostas polo covid-19, sen a súa clásica feira expositiva e reconvertida nunha Semana de Pontenciencia 2020: VII Feira da miniciencia: Que o coñecemento non pare!, con actividades individualizadas para cada grupo participante ás que asistirán un máximo de 25 alumnos de 5º e 6º de Primaria por centro.

O proxecto, impulsado pola Concellería de Educación e subvencionado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades dentro da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación, inclúe no programa desta edición unha oferta de actividades con temáticas do máis variado, que abranguen cuestións como ciencia sonora, mulleres científicas, novas tecnoloxías aplicadas aos incendios forestais, cerámica prehistórica, SOS á Terra, teledetección ou coñecemento do ceo nocturno e creación dun planisferio terrestre.

Tal e como subliña o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, Pontenciencia "é un proxecto que ten como obxectivo desenvolver o pensamento investigador" e que "pon ao alcance dos cidadáns un conxunto de ferramentas e actividades que proxecten unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación". "Permite achegar a ciencia e a innovación dende o máis próximo e o cotiá, promover a comprensión de conceptos ou fenómenos científicos, despertar a curiosidade e o interese científico a nivel persoal e colectivo, estimular a participación cidadá en procesos científicos e visualizar a ciencia entre os nenos/as e o público en xeral", explica o socialista.

Fernández lembra que “ata o de agora víñase celebrando unha feira expositiva de proxectos de investigación escolar aberta ao público, co obxectivo de poñer ao alcance dos cidadáns un conxunto de ferramentas e actividades que proxecten unha visión dinámica e atractiva da ciencia, pero a situación sanitaria levou a reformulala", con actividades individualizadas a desenvolverse tanto na Escola Universitaria de Forestais do Campus de Pontevedra como en dez centros educativos: CFEA Lourizán, CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús (Primaria e Secundaria), CEIP Plurilingüe Froebel, CEIP San Martiño, CEP Marcos da Portela, CEIP Praza de Barcelos, IES Luis Seoane, CEIP Parada- Campañó, CEIP San Benito de Lérez e CEIP A Xunqueira II.

Consulta aquí as actividades ofertadas e os horarios

Comentarios