Pontevedra é xa o Concello onde máis crece o saldo migratorio na provincia

Vilanova e Nigrán, os outros municipios con mellores cifras desde os anos centrais da crise

Vista aérea de Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Vista aérea da cidade. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

 Será o modelo de cidade, será o feito de ser unha cidade de funcionarios, será que a comarca atrae poboación ou será todo iso xunto. O certo é que os últimos datos oficiais do Instituto Galego de Estatística confirman á capital pontevedresa como o municipio de toda a provincia onde máis e mellor crece o saldo migratorio.

Para comprendelo basta un repaso ás cifras. Tomando como referencia o ano 2009, exercicio onde o castigo da crise económica deixouse notar con crueza, a Boa Vila pasou de pechar aquel decembro cun balance de 48 inmigrantes (chegados á cidade) máis que emigrantes (saídos do municipio), a cubrir 2017 cun saldo positivo de 365 cidadáns novos. A comparación coa outra gran cidade da provincia mellora a percepción desta cifra. Vigo tivo en 2009 un total de 51 inmigrantes máis que emigrantes. Pero o pasado exercicio saíron da cidade 1.577 persoas máis das que chegaron.

Evolución do saldo migratorio na provincia de Pontevedra¿De onde veñen? Pois, no caso de Pontevedra, fundamentalmente do estranxeiro, polo menos nas cifras de 2017. O pasado ano foron 420 as persoas que se asentaron no Concello chegadas doutros países, fronte aos 240 que chegaron do resto de Galicia. O saldo dos españois non galegos en Pontevedra foi negativo: saíron da cidade 180 máis dos que chegaron.

Só aprecian fenómenos similares municipios como Vilanova ou Nigrán. O primeiro pasou dun saldo migratorio negativo en 2009, cando se foron do Concello 9 persoas máis das que chegaron, a outro positivo en 2017, ano pechado con 56 inmigrantes máis que emigrantes.

Nigrán, o municipio satélite de Vigo con maior crecemento urbano, reflectido tamén no aumento do prezo da vivenda, anotou a finais do pasado exercicio un saldo migratorio positivo de 142 persoas, partindo doutro resultado tamén positivo de 56 cidadáns máis chegados que saídos do pobo en 2009.

Na provincia manexan unha boa capacidade de atracción cidades como Lalín, Silleda ou Caldas (ver o gráfico), mentres as cifras caen e a poboación inmigrante (nacional ou internacional) decrece en localidades como Poio, Moraña, A Estrada, Sanxenxo, O Grove ou Marín. Especialmente significativo é o caso do municipio marinense. En plena crise, en 2009, finalizou o exercicio con 18 inmigrantes máis que os seus emigrantes. Pero o pasado ano marcháronse do Concello 202 persoas máis das que chegaron, agravando así un problema de crecemento demográfico nunha cidade que tamén é satélite, neste caso da cabeceira provincial, pero que perde capacidade de atracción, de acordo cos datos de fluxo migratorio reflectidos no IGE.

Comentarios