Pontevedra acolle a primeira Global Game Jam de Galicia para crear videoxogos

O evento desenvolverase entre este venres e o domingo
Presentación de la Global Game Jam en Pontevedra. DP
photo_camera Presentación da Global Game Jam en Pontevedra. DP

A cidade de Pontevedra acollerá entre este venres, 31 de xaneiro, e o domingo 2 de febreiro, a primeira Global Game Jam que se celebra en Galicia, un evento creativo que leva 10 anos convocándose en distintos puntos do mundo e no que a meta é deseñar un videoxogo. Nesta proposta poden participar tanto acodes afeccionadas como profesionais de disciplinas relacionadas coa creación de videoxogos, como ilustración, modelación 3D, deseño visual, animación 3D, composición, deseño de xogos e programación. 

Quen participen poderán facelo coas súas habilidades, xa sexa de programación, creación de animación, contador de historias, armar personaxes, debuxar a arte ou achegando ideas. Todas as persoas participantes neste proceso creativo deberán conformar equipos para, a partir dun tema que se revelará o venres ás 17.00 horas, dar forma a un demo ou un prototipo de videoxogo para mostralo publicamente antes das 19.00 horas do domingo.

Durante o fin de semana serán 50.000 as persoas que, en distintos puntos do planeta, crearán videoxogos de xeito non competitivo

Este martes en rolda de prensa o concelleiro de Novas Tecnoloxías de Pontevedra, Alberto Oubiña, destacou que "esta é a primeira vez" que organizan este evento na cidade. "Esperamos que non sexa a última", abundou. 

O arquitecto Evelio Sánchez, un dos organizadores do evento, explicou que durante o fin de semana serán 50.000 as persoas que, en distintos puntos do planeta, crearán videoxogos de xeito non competitivo a través da cita Global Game Jam. No caso de Pontevedra, a participación máxima estímase en 30 persoas, atendendo ao espazo dispoñible na Casa da Luz. Ata o momento inscribíronse 26.

A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través do sitio web ggj.hobbypont.com 

"Este fin de semana queremos pór os alicerces", sinalou Oubiña, para continuar celebrando este evento en Pontevedra porque "no ámbito do videoxogo hai moito futuro, tanto como nicho de lecer como en posibles alternativas laborais", concluíu.

Comentarios