Pontevedra acollerá en marzo o I Encontro de Mulleres Columnistas

Profesionais como Rosa Montero, Elisa Beni ou Ana Pardo de Vera participarán no congreso, que foi presentado este luns no Concello

Presentación do Encontro. GONZALO GARCÍA
photo_camera Presentación do Encontro. GONZALO GARCÍA

Só un 10% de mulleres ocupan cargos de responsabilidade na prensa escrita. O xornalismo, un eido no que o 64% das traballadoras son donas, segue a ser un ámbito machista no que o teito non é de cristal, "é de formigón armado". Estes datos deunos este luns a presidenta da Deputación, Carmela Silva, no acto de presentación do primeiro Encontro de Mulleres Columnistas, que se celebrará na Boa Vila os próximos 2 e 3 de marzo coa participación de mulleres opinadoras como Rosa Montero, Elisa Beni ou Ana Pardo de Vera. 

Na presentación de este luns, que tivo lugar no Concello, estaban tamén Susana Pedreira, organizadora do evento xunto a Diana López Varela (que non puido estar ao acto); a xornalista María Varela, que realizará unha ponencia durante o congreso; a concelleira de Igualdade, Carmen Fouces; a deputada provincial de Igualdade, Digna Rivas, e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores. "Esta é unha resposta contundente ao machismo nos medios de comunicación", explicou o alcalde, que engadiu que o feminismo é unha liña de traballo fundamental para o Goberno municipal. 

Ademais da escasa presenza de mulleres entre os postos de dirección dos medios de comunicación, o alcalde destacou tamén que só un 30% das noticias teñen ás mulleres como protagonistas. Silva, pola súa banda, explicou que as fontes expertas ás que recorren os xornalistas son homes nun 91% dos casos, segundo un estudo da Asociación da Prensa de Madrid. As mulleres saen perdendo tamén nos seus salarios en comparación cos seus compañeiros homes, de xeito que os salarios delas se concentran no tramo máis baixo, de menos de 1.500 euros ao mes. 


►Máis información na edición impresa de Diario de Pontevedra deste martes◄

Comentarios