Pontevedra adxudicará a Viaqua o contrato da auga para os próximos 20 anos por 110 millóns

A adxudicataria ten que executar obras por valor de 58 millóns de euros nun prazo de tres anos e, ao mesmo tempo, ten que pagar un canon de case oito millones

Oficina de Viaqua en Pontevedra. DP
photo_camera Oficina de Viaqua en Pontevedra. DP

A Mesa de Contratación do novo servizo de abastecemento de auga de Pontevedra propuxo á empresa Viaqua como adxudicataria do contrato desta concesión municipal para os próximos 20 anos por un montante global de 110 millóns de euros. A decisión adoptouse co voto en contra dos representantes do PP, PSOE e Ciudadanos

Viaqua, que é a actual concesionaria, e a empresa Facsa entraran en baixa temeraria por ofrecer máis melloras das previstas no prego de condicións. Logo de notificarlles esta incidencia este luns reuniuse a Mesa de Contratación para analizar as respostas. 

Segundo informou o portavoz municipal e concelleiro do Ciclo da Auga, Raimundo González Carballo, Viaqua xustificou "perfectamente" a temeridade de modo que "as contas casan co proxecto" presentado ao concurso mentres que Facsa "non achegou nada" xa que entendía que a súa oferta económica estaba xustificada no proxecto.  A proposta dos técnicos excluíuse a Facsa do proceso de licitación e en consecuencia a Mesa propuxo adxudicar o concurso "á oferta económica máis vantaxosa" que é a de Viaqua.

Raimundo González: "O que están a conseguir os cidadáns de Pontevedra son investimentos por 66 millóns de euros"

Raimundo González destacou que está "especialmente orgulloso deste contrato" porque considera que é "a mellor xestión en materia económica de investimentos que leva feito nunca neste Concello", dixo.

A adxudicataria ten que executar obras por valor de 58 millóns de euros nun prazo de tres anos e, ao mesmo tempo, ten que pagar un canon de case oito millóns de euros ao Consistorio para destinar a aquelas obras de abastecemento ou saneamento que se consideren necesarias. González Carballo comparou estes datos co anterior contrato, tamén licitado por 20 anos, e no que as melloras ascenderon a 15 millóns de euros.

Os investimentos destinaranse a completar a rede de saneamento do rural de Pontevedra e a dar un impulso importante ao abastecemento

"A oferta actual gana por goleada", dixo, porque "o que están a conseguir os cidadáns de Pontevedra" son investimentos por 66 millóns de euros que "case cuadruplica o anterior". 

O portavoz do goberno local do BNG sinalou que estes investimentos se destinarán a completar a rede de saneamento do rural de Pontevedra e a dar un impulso importante ao abastecemento para que chegue polo menos a metade da superficie do municipio que hoxe carece deste servizo, "unha auténtica revolución", sostivo González Carballo.

FONTES. Ademais, a empresa deberá facerse cargo de tres cuestións que, ata agora, corrían por conta da administración municipal ou dos propios consumidores. Trátase do mantemento de todas as fontes públicas do municipio, dos contadores de auga e das redes de rede de sumidoiros

Tamén, como xa se anunciou, o Concello modificará a ordenanza fiscal en vigor para que, co novo contrato, cada cidadán pague a auga que consuma, eliminando o mínimo que existía ata o momento, quince metros cúbicos. 

Este cambio, garantiu González, non suporá un aumento na factura dos cidadáns e, pola contra, moitos verán reducido o gasto ao non alcanzar o mínimo que recollía o contrato anterior.  Nos próximos días reunirase a Xunta de Goberno Local para aprobar esta adxudicación. 
 

Comentarios