Pontevedra asumirá a desinfección dos colexios públicos

O Concello valora o custo dos traballos, cuxo valor se reclamará á Xunta "porque non é unha competencia municipal"
Desinfección en las aulas de Marzán. EP
photo_camera Desinfección nas aulas de Marzán. EP

O Concello asumirá a desinfección dos colexios públicos de Pontevedra durante o novo curso escolar. Así o confirmou este luns a portavoz municipal accidental, Carme da Silva, ao termo da reunión semanal do bipartito, no que se acordou que o custo do servizo será reclamado á Xunta "porque non é unha competencia municipal".

A edil do BNG recordou que Pontevedra só ten o deber de asumir a limpeza dos centros escolares, pero non a súa desinfección porque é unha responsabilidade autonómica. Os colexios inician o novo curso académico este xoves. O obxectivo municipal é que poidan facelo "con totais garantías".

A adxudicataria do contrato de limpeza, Cespa, e unha asistencia técnica valoran o custo deste servizo extraordinario, que se porá en marcha con motivo das medidas preventivas pola pandemia do coronavirus. Un primeiro cálculo situaba o custo do mesmo en 928.261 euros.

DEMORA. O concelleiro de Xestión de Residuos, Raimundo González Carballo, encargouse da coordinación deste proxecto, que chegará a 20 centros de ensino do municipio e que, con toda probabilidade, obrigará a manter a presenza de persoal de desinfección no centro durante o período lectivo.

Dá Silva criticou este luns a demora do Goberno galego en especificar as normas de actuación. "O protocolo cambia cada pouco. Xa tiñamos feita a adaptación e o custe económico para o protocolo de xullo, pero estamos adaptándoo ó actual. A Xunta díxo que hoxe mesmo (por onte) sairía un novo", engadiu.

A edil recordou que a Xunta recibiu 2.000 millóns de euros do Goberno central para asumir os gastos en educación derivados da crise da covid-19. "Neles deberían estar incluídos os custes de desinfección de todos vos centros", recalcou.

Comentarios