Pontevedra, capital dos libros

A Praza da Ferrería acolle unha feira na que participan 13 libreiros da cidade e máis de 50 escritores

Sinatura de libros de Manuel Rivas, que se prolongou unha hora. GONZALO GARCÍA
photo_camera Sinatura de libros de Manuel Rivas, que se prolongou unha hora. GONZALO GARCÍA

 Manuel Rivas, Manuel Jabois, Diana López Varela e Francisco Castro foron algúns dos primeiros autores que pasaron pola Festa dos Libros de Pontevedra, un evento no que participan 13 librerías locais e que se prolongará ata o domingo na Praza da Ferrería. "O nome non se puido escoller mellor. Porque isto é unha festa. Non é só unha feira, é un proxecto cultural", sinalou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, na inauguración do evento. "Esperamos que esta sexa a Festa dos Libros de toda Galicia".

Lores, acompañado polas concelleiras Carme da Silva e Pilar Comesaña, encargouse da apertura oficial da terceira edición desta iniciativa, que o Concello organizou, en colaboración cos libreiros da cidade e como alternativa á feira itinerante que viñan organizando a Xunta e a Federación de Libreiros de Galicia. "Estamos orgullos de manter esta colaboración cos libreiros, de ter en conta as súas demandas e peticións, para poder gozar deste espazo de convivencia e de integración, que tan ben casa co noso modelo de cidade e coa nosa política cultural". Dun xeito parecido se manifestou a concelleira de Festas, Carme da Silva. "Para nós os libreiros son unha parte fundamental da cidade. Son auténticos axentes culturais e como tal deben ser tidos en conta. Por iso apostamos por esta proposta e pola súa visibilización, por un modelo totalmente diferente ao que se basea en mercar un libro por internet".

SINATURAS. Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Luna Nueva Libros, Metáfora e Paz son as librerías que manteñen postos coas últimas novidades literarias á venda e que teñen asinando a diferentes autores practicamente ao longo de todo o día. o sábado, por exemplo, está previsto que estean, entre outros, Xosé Fortes, Diego Giráldez, Antón Cruces, Emma Pedreira, Eli Ríos e Víctor Méndez. Polo escenario principal pasarán, por exemplo, Ledicia Costas, Antón Lopo e Ana Cabaleiro.

Ademais, a programación da Festa dos Libros inclúe obradoiros para cativos e para adultos, contacontos, coloquios e música en directo. Cada unha das tres xornadas rematará cun concerto.