Pontevedra celebrará o Día das Letras Galegas con música e poesía en vivo

Tibet 1990, Nacho Mora e Río Verdugo, bandas finalistas dun certame municipal, musicarán a Xela Arias nun espectáculo que terá lugar na Ferrería e no que tamén participarán as poetas Tamara Andrés, Miriam Ferradáns, Regina Touceda e Elvira Ribeiro
Tibet 1990, nunha imaxe de Instagram. DP
photo_camera Tibet 1990, nunha imaxe de Instagram. DP

Pontevedra estrea espectáculo de celebración do Día das Letras Galegas. Tras renunciar a asociación sociocultural do Burgo, a causa da pandemia, a organizar o evento arredor do que habitualmente se realiza a conmemoración da data na cidade, o Concello decidiu promover un espectáculo con música e poesía en vivo que terá lugar o vindeiro luns, ás 19.00 horas, na Praza da Ferrería (no caso de chuvia, no Teatro Principal), con acceso de balde.

Na proposta actuarán as tres bandas finalistas do certame municipal posto en marcha para musicar poemas de Xela Arias, recitarán varias poetas novas da provincia e proxectaranse fotografías de Xulio Gil, parella da autora homenaxeada e pai do seu fillo.

"Esta actividade busca poñer en valor os versos de Xela Arias, dar a coñecer a súa obra e amosar o amplo talento musical que temos nesta cidade", explicou o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, onte, na presentación do espectáculo. "Estamos realmente exultantes ante a resposta que tivemos da nosa escena musical despois de lanzarlles esta convocatoria. É un orgullo comprobar que existe tanto talento e que todo isto está pasando aquí, non en Nova York ou Estocolmo".

Foron 15 as bandas e solistas que se presentaron ao concurso do Concello X Xela, no que había que musicar poemas da autora homenaxeada o Día das Letras Galegas. Un xurado composto pola intérprete e compositora Cora Velasco; polo programador musical da Sala Karma, Marcos Rivas; pola manager de artistas como Heredeiros da Crus ou Agoraphobia, Patricia Hermida; polo xestor do Local de Música, Marcos Rodríguez, e pola xornalista musical Teresa Cuíñas, escolleu as tres finalistas, que serán as que actuarán o 17 de maio na Ferrería. Trátase de Tibet 1990, que musicou o poema Indecisión; Nacho Mora, que lle puxo melodía a Soldados, e Río Verdugo, que fixo o propio con Vide.

Sobre o traballo de Tibet 1990, o xurado salientou "o grao de sofisticación que consegue desde a sinxeleza e as súas posibilidades de conectar cos gustos de certo público mozo que tanto apreza os faino-ti-mesmo".

POSTPUNK. No caso de Nacho Mora valorouse que "reinterpreta con éxito as posibilidades expresivas do poema para construír con laboriosidade unha canción redonda coas ferramentas do pop electrónico e reminiscencias postpunk". Finalmente, do tema presentado por Río Verdugo destacouse que "é unha canción de feitura épica e ton elexíaco en que soan ecos de Voces Ceibes e de Nick Cave". No evento do luns darase a coñecer quen gaña o certame.

A maiores, entre as actuacións das distintas bandas subirán ao escenario as poetas pontevedresas Tamara Andrés (Poio), Miriam Ferradáns (Bueu), Regina Touceda (Caldas de Reis) e Elvira Ribeiro (Pontevedra). O acto estará presentado polas regueifeiras Alba María e Lupe Blanco. O acceso será limitado atendendo á situación sanitaria, pero segundo dixo o concelleiro, non é necesario inscribirse dada a amplitude da Ferrería. Con todo, as persoas que desexen facelo terán á súa disposición un formulario na web do Concello.

Comentarios