sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

Pontevedra é cidade de libros

undefined
Interior da librería Paz. RAFA FARIÑA
A capital da provincia é a urbe galega que ten máis librerías por habitante, seguida de preto por A Coruña e por Ourense ► O último Mapa de Librerías en España constata que Galicia é a comunidade autónoma con maior densidade destes negocios en relación coa poboación

"Pontevedra é unha cidade moi de libros", di Mercedes Corbillón, da librería Cronopios. "Máis alá do que digan as cifras é algo que calquera pode percibir dando simplemente unha volta polo centro: aquí hai moitas librerías". Neste caso, as cifras danlle a razón.

Pontevedra é a cidade de Galicia cun maior número delas por habitante. Actualmente son 31, segundo o directorio de empresas de Páxinas Galegas. Nunha cidade como esta, de 83.260 habitantes segundo datos actualizados do Instituto Nacional de Estadística (INE), a densidade que resulta é de 37,3 librerías por cada 100.000 habitantes.

Pero Pontevedra non é a única cidade galega cunha ratio tan alta. A Coruña, con 37,2, e Ourense, con 37,01 (sempre por cada 100.000 habitantes), séguena de preto. O Mapa de Librerías en España, que acaba de publicar a Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros (CEGAL), constata que efectivamente Galicia é a comunidade autónoma cunha maior densidade de librerías: 11,1.

Aínda que nin esta confederación nin o Gremio de Libreiros de Galicia manexan cifras a nivel local (entre outras cousas, porque as librerías non teñen obriga de pertencer a ningún colectivo), o número que se extrae do directorio telefónico de empresas Páxinas Galegas (pese a que haxa algún caso que teña máis de papelería ou de quiosco), permite aproximarse moito á realidade do que sería un mapa de librerías de Galicia. En número totais, a cidade galega que máis ten é A Coruña: 92. A que menos, Ferrol, 14.

"Non é nin sequera algo que teña que ver co modelo urbano actual, porque vén sucedendo historicamente. Cando se podía meter o coche ata a porta da librería, eu xa tiña os mesmos clientes. Quen le, le", explica.

En todo caso, Galicia está á cabeza do Estado no que a número de librerías por habitante se refire. Seguida a bastante distancia por La Rioja (10,6) e Castilla La Mancha (10,5, de novo sempre por cada 100.000 habitantes).

Cano Paz. Librería Paz
"Non é nin algo que teña que ver co modelo de cidade, é algo que vén sucedendo historicamente e hai que estar orgullosos"

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, felicitábase polo dato nas redes sociais o mesmo día que se facía publico. "Galicia é a comunidade autónoma con máis librerías por cada 100.000 habitantes. Esta é unha das interesantes conclusións do estudo de CEGAL que vimos de coñecer no marco da Feira do libro de Madrid".

PRIMEIRA PERSOA. Unha das librerías máis antigas da cidade é Paz. Foi inaugurada en 1967. O seu actual propietario, Cano Paz, pode falar en primeira persoa de por que non é nova esa idea de Pontevedra como cidade libreira.

"Fíxate que mesmo recordo unhas enquisas de hai anos sobre o número de lectores nas cidades e Pontevedra destacaba por enriba de Vigo, cando Vigo é unha cidade moitísimo máis grande e populosa".

Librería pontevedraCano Paz pensa que a relevancia do número de librerías de Pontevedra é mesmo maior do que se pode extraer das cifras. Dá, cando menos, dúas razóns. "Por un lado, porque non nos podemos comparar, por exemplo, con Ourense, que é moito máis grande ca nós e que ten unha importancia como capital de comarca que non ten Pontevedra", indica.

"E, por outro, porque noutras cidades as librerías están estendidas por unha superficie moito maior. Se quixeras visitalas todas igual precisabas un día enteiro. En Pontevedra, a grande maioría estamos todas pegadas en catro rúas do centro. Nunha hora podes entrar en case todas".

Outro dato relevante sobre a potencia que teñen os libreiros en Pontevedra é que apenas se pecharon negocios deste tipo nas últimas décadas. O último peche importante foi en 2010, o da histórica librería Michelena.

Mercedes Corbillón. Cronopios
"Se as librerías da cidade son importantes, o que hai que facer é coidalas e consumir nelas. Porque somos rápidas e eficaces"

"Non, non pechou ningún importante nos últimos anos coa excepción de Michelena", explica. "Eu penso que as razóns de que funcionen as librerías en Pontevedra teñen que ver coa composición social da cidade". E iso está directamente relacionado coa calidade de vida. "Dende logo é algo do que hai que estar orgullosos".

O que si fai Cano Paz é quitarlle romanticismo ao oficio. "En xeral un libreiro non é simplemente un tendeiro. É certo. Pero tamén hai algo de arrogancia pola nosa parte cando dicimos iso. Eu considérome un tendeiro", explica.

"Ao final, o importante é quererlle ao oficio e interesarte un pouco polo que fas, te dediques ao que te dediques. Se cando vas tomar un viño o que te atende che indica algunha cousa ou che dá algún consello, seguro que marchas máis contenta que se non che mira nin á cara. Neste sentido, nós somos uns máis".

Algo parecido di Mercedes Corbillón, propietaria da librería Cronopios, cando lembra que o máis importante para o negocio é ser rendible. "Obviamente eu creo que ser libreira é algo máis que vender libros. Iso, de feito, podes facelo directamente por internet, pero facéndoo non eres libreiro", explica.

"Necesitamos do espazo físico, do espazo de encontro e da relacion cos clientes. É moi bonito organizar actividades arredor dos libros, presentacións e eventos, pero unha librería ten que ser rendible para existir, non hai que esquecelo".

Ela cre que estes establecementos xogan un papel importante no tecido empresarial e económico da cidade. "Calquera nota que a importancia do libro en Pontevedra, en relación con outras localidades, é moita".

Elena Carracedo. Sant Yago
"Abrir unha librería é un soño cumprido. Aínda estamos aterrando, pero xa notamos o agarimo dos veciños e do barrio"

Esa importancia leva a Corbillón a reivindicar o coidado das pequenas librerías independentes. "Porque se somos importantes, e creo que todos o sentimos así, o que hai que facer é entón coidar as librerías, consumir nelas. Eu creo que temos demostrado que somos rápidas e eficaces".

No seu caso, as expectativas que tiña cando abriu Cronopios, en 2009, superáronse de longo. "Nunca soñei que chegariamos a onde chegamos, que fariamos todo o que fixemos. Abrimos sen ter nin idea de case nada, só porque sentiamos ese amor polos libros e porque pensabamos que podía haber un espazo para a nosa proposta. A resposta que recibimos por parte dos pontevedreses foi marabillosa. E segue a selo".

PRIMEIRA VEZ. Tamén ten unha relación familiar e agarimosa cos clientes Elena Carracedo. "Non, ser libreiro non consiste só en vender libros. Eu, de feito, abrín a librería coa intención de facer outras cousas nela, que se convertese nun punto de encontro para os veciños". Hoxe acolle a que agarda que sexa a primeira de moitas actividades: unha sinatura de libros de Kiko da Silva.

O pasado 20 de xullo, Carracedo pasaba a facerse cargo da librería Sant Yago, a única que hai no barrio do Burgo.

"Eu sempre estiven vinculada ao mundo dos libros. Estudei Filoloxía Hispánica, coñecía o ámbito do libro infantil e dos contacontos... E sempre me rondou a cabeza abrir unha librería, pero non me atrevía. Facelo é un soño cumprido. Aínda estamos aterrando, pero xa notamos o agarimo dos veciños e do barrio".

A libreira recoñece que aínda está aprendendo a facerse co negocio, pero que o compensa con ganas e con ilusión. "Agora mesmo, coincidindo co inicio do curso, temos moitísimo traballo. Pero tratamos de ir pouquiño a pouco facéndonos coas claves do que significa ter unha librería en Pontevedra, que si que é verdade que é unha cidade que ten moitas, aínda que eu non me parara a pensalo demasiado".

Di que o máis bonito da experiencia está a ser a relación coa xente. "Nesta zona non hai outra librería. Que veñan e che pidan consello, por exemplo, é algo que fai deste oficio algo moi bonito".

Pontevedra é cidade de libros
comentarios
ç